Estamos máis que fartos, como xa dixemos moitas veces, todos os que traballamos directamente con vítimas de violencia machista, de escoitar a tantos "expertos" e "expertas" que aconsellan moito sen saber do que falan, e máis fartos aínda de aturar cando eses "consellos" proceden de "fontes autorizadas" como é, unha vez máis, o Ministerio de Igualdade e os venden coma se foran o gran descubrimento que eles e elas fixeron.
Se de algo se lles enche a boca, a uns e a outros é de repetir que as vítimas deben denunciar os seus agresores, e mesmo se culpabiliza a aquelas que non chegan a facelo, sobrevivan ou non á súa situación, pero o que non nos contan é cal é, realmente, a outra cara da moeda, a cruel realidade coa que se atopan a inmensa maioría daquelas que se deciden a dar este paso tan duro, porque é duro, moi duro. Diso ninguén fala, nin o teñen en consideración, ou, o que é peor, nin sequera coñecen a súa existencia.
Imos poñer un exemplo, que é o pan noso de cada día cando falamos de violencia machista. Supoñamos que unha muller que convive co seu agresor, un bo día, tal vez despois de moitos anos de sufrir o que non está nos escritos, decide tentar poñerlle fin ao seu calvario e comezar, por fin, a respirar e a vivir.
O primeiro paso sería, como xa dixemos, denunciar a súa parella, pero xa aquí nos atopamos coa primeira e, case sempre, por desgraza, insalvable dificultade, que é o férreo control ao que están sometidas, e que lles impide mesmo saír da casa nin para mercar unha barra de pan, se non é co seu "escolta", e ás veces nin así, xa que el mesmo se encarga de mercar o necesario para que ela non poida nin pisar a rúa, polo que imaxinar nin por un momento que se poida desprazar á comisaría ou ao xulgado de garda para poñer a denuncia é impensable, por non mencionar que, en non poucas ocasións, o pánico as ten totalmente paralizadas, e non sen motivos.
Se, cun pouco de sorte, foi quen de contarlle a alguén, presuntamente de confianza, o calvario que está a vivir, e o seu intento e imposibilidade de saír del, a resposta será que denuncie por internet, que é unha ferramenta que hoxe existe, seica, porque depende segundo para que, e para quen.
Poñámonos no mellor, ou no menos malo, dos escenarios, que é que a vítima dispoña dos recursos básicos para optar por esa "solución", é dicir, un ordenador, conexión a internet, e os coñecementos precisos para utilizar esas ferramentas, porque hai quen debe crer que todas somos unhas Bill Gates en potencia e que xa nacemos co rato na man, nada máis lonxe da realidade, sobre todo cando estamos a falar de mulleres de certa idade, ou que non dispoñen nin dun teléfono móbil, xa que o seu agresor non llo permite, ou llo revisa constantemente, ou, como sucede sobre todo no eido rural, non hai cobertura, co cal o seu illamento é total e terrorífico... ou están rodeadas de xente... coa familia do agresor, algo que continúa a ser moi frecuente desde o momento no que se casan, e que, naturalmente, se posicionan do lado del, aínda que a malle a paus, ou, como moito, facendo todo un "alarde" de comprensión, dinlle que é o que toca, que as mulleres temos que aguantar e que, no fondo, non é malo... que é o seu carácter, e, se aínda por riba se toma dúas copiñas de máis... pero que non hai que terllo en conta, e, por suposto, no caso de habelos, que ature o que sexa "polos nenos". Ademais, que dirían os veciños no caso de que ela marchara? Que vergoña!
Mais, imos ser "optimistas" e pensar que ten medios para interpoñer esa denuncia online... Que sucede?
Pois, sinxelo. Esta é a lista de delitos que se poden denunciar por ese medio:
- Furtos (sen autor coñecido).
- Perda de documentación.
- Estafas online básicas.
- Danos sen autor identificado.
- Certos delitos contra a propiedade.
Alguén ve a violencia de xénero por algures? Non? A ver se vai ser porque non está... quen sabe!
Ademais de que, para poñer unha denuncia por este medio, é preciso que os feitos non tiveran lugar con violencia física ou intimidación, xa que esta clase de delitos "require que a persoa denunciante realice outros trámites que soamente se poden levar a cabo na comisaría".
Tampouco se poderá denunciar por internet se hai testemuñas ou se é posible recoñecer o autor dos feitos e tampouco se estamos presenciando nese mesmo momento o delito.
Todo moi "lóxico" e moi "tranquilizador", non si?
E, aínda así, en calquera caso, de tratarse dun dos delitos que si aparecen na lista, o, ou neste caso, a denunciante tería que presentarse na comisaría ou cuartel nas 72 horas seguintes para ratificarse e asinar a denuncia, xa que, do contrario, non valería de nada.
Cando se expón isto, nunca vai faltar quen nos indique que, nese caso, existe outra opción, que semella ser a "nai" de todos os recursos, a chave á liberdade que as vai protexer e procurarlles, cando menos, algún recurso para protexerse:
A chamada ao 016, servizo prestado polo Ministerio de Igualdade (outro máis!), encargado, polo visto, do asesoramento xurídico e atención psicosocial inmediata para todas as formas de violencia de xénero e violencias machistas.
Poida que a vítima albisque, cando lle contan isto, un chisco de esperanza, e, como é lóxico, a seguinte pregunta é, se chamo ao 016 poden denunciar no meu nome?
E, a "alentadora" resposta é:
Non, o 016 non pode denunciar no nome da vítima, pero "pode ofrecerlle información e asesoramento sobre como proceder"... e volta á casilla de saída nun bucle desesperante mentres tal vez a súa vida pende dun fío.
Preguntámonos, que parte de "non podo saír da casa, porque estou, literalmente, secuestrada nela, e non podo acudir a denunciar" non entenden?
Pero para iso, para o máis importante, non hai resposta nin solución.
Consecuencia?
Mentres o seu maltratador e acosador se move libremente, ela está, literalmente, secuestrada na súa casa, nunha máis que evidente situación de perigo. Estes son o sistema e as leis que nos "protexen". Unha estafa e unha gran mentira que xoga, impunemente, coas nosas vidas.
Asociación Si, hai saída