Hai pouca memoria. PP e PSOE deron por acabado o modelo autonómico cando se fixo a transferencia forzada, unilateral e homoxénea da sanidade a todas as comunidades autónomas (CCAA). Só a tiñan transferida Euskadi, Cataluña, Galicia e Navarra. Veña, café para todos. O lehendakari Ibarretxe presentou o proxecto de novo Estatuto, entráronlle apuros a moitos. Cataluña, Andalucía, Valencia, Baleares... Aquí presentouse o Estatuto de Nación, que entre boicot do PP e o pouco que durou o bipartito non se logrou tramitar. Nesas reformas hai cousas moi paveras. O Estatuto da Comunidade Valenciana é de enmarcar. Contempla unha oficina en Bruxelas (moito criticar a Euskadi, e mira ti). Tamén policía autonómica valenciana ou contemplar á comunidade como histórica. M. Rajoy apoiou todo isto. Aínda así e todo o máis salientable foi cláusula Camps, na disposición adicional segunda di: "... calquera ampliación das competencias das comunidades autónomas que non estean asumidas no presente Estatuto ou non lle foran atribuídas, transferidas ou delegadas á Comunitat Valenciana con anterioridade, obrigase, no seu caso, ás institucións de autogoberno lexitimadas a promover as correspondentes iniciativas para a devandita actualización". É dicir que non importa se os valencianos o queren ou non, o precisen ou non, si a teñen outros eu tamén a quero , faga falla ou non.
O Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) foi ideado por Cristobal Montoro, ministro de Hacienda con M. Rajoy. Logo da crise do ano 2009 o goberno de Rajoy xuntou a austeridade coa pouca crenza que tiñan nas autonomías. Montoro, para lerlles a "cartilla" ás autonomías espetoulles: "un estado descentralizado no tiene por qué ser despilfarrador y generador de déficit". (La Razón 11/01/2012). Con isto quería telas sometidas ao seu criterio. As autonomías non podían financiarse nos mercados así dependían de Montoro e pagaban intereses máis altos que os que o BCE lles cobraba aos estados. En 2018, Montoro, falou da posibilidade de perdoar os intereses da débeda: "No tiene sentido que cuando hablamos de nuevos recursos para las comunidades en educación, sanidad o protección social lo que planteemos en paralelo es que el Estado se financie con intereses por la deuda contraídas con el mismo Estado . O hacemos una cosa o hacemos la otra pero las dos, no" (ABC Economía 16/02/2018).
Agora o goberno propón unha "quita" para sanear contas das autonomías á conta dos recursos do Estado. O PP apertou aos "baróns" para actuar como partido e non como representantes das persoas que os elixiron. Lembro á conselleira andaluza de Facenda, Carolina España, dicindo que "La Junta aceptará una quita de deuda si es para todas las CCAA" (La Razón 26/01/2024). Agora négao. É o xeito de actuar do PP, cando se está chegando a un acordo piden algo máis, e así "ata o infinito e máis alá" como pasou co CGPJ, consello RTVE, etc.
Non vou negar que o sistema de financiación autonómica esta obsoleto, que non é xusto. Tiña que ser renovado en 2014. O PP non o fixo, o PSOE, por agora, tampouco. Ninguén quere abrir o melón. Hai que abrilo, mais o problema non é a financiación singular de Cataluña. O problema é o "dumping" fiscal de Madrid DF. Feijóo tenlle medo a Ayuso. Por moito que digan si hai unha quita, débese menos, o medible non é opinable.
O noso conselleiro Corgos en vez de defender Galicia e acollerse á quita, fai o papel de sempre do PP, defende o partido, defende a política económica deAyuso. Anda dicindo que nos vai custar 220 euros a cada galego, cando sabe que se fai en mancomunidade e vai a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado, non hai un imposto especial para esta débeda. Non di que se nos "quitan" 4.000 millóns de euros, deixamos de pagar 300 millóns de euros en intereses que se poden empregar en moitas cousas que a Xunta ten abandonadas. O conselleiro presume que naquela época a Xunta de Feijóo "fora prudente" e fixera ben os deberes, que se endebedara pouco. O que fixo aquela Xunta foi facerlle a "pelota" ao goberno de M. Rajoya costa non investir en sanidade, educación e servizos sociais. Aínda o estamos pagando agora. Vemos as baronías do PP, con Ayuso á cabeza, queixarse da quita, piden máis cartos e, pola contra, non teñen ningún pudor en rebaixarlle os impostos aos ricos. Mentres en Galicia sufriremos que os nosos gobernantes traballen en función do PP de Madrid e non da cidadanía galega. Xa avisara Anxo Quintana no Parlamento, presentando o proxecto de Estatuto cando lle dixo a Feijóo: "Ten vostede a responsabilidade de evitar que o seu partido se converta nun instrumento útil para a estratexia do seu partido en Madrid, pero inútil para Galicia". Feijóo, daquela, non fixo caso, actuou en contra de Galicia e agora, xa en Madrid DF, de xefe, tampouco. Anxo Quintana era adiviño. A pregunta é: "unha vez aprobada a proposta nas Cortes cantas CCAA quedarán sen pedir a condonación da débeda? Resposta: ningunha. A cláusula Camps é o que ten. Tiña que haber un pacto de estado sobre a financiación autonómica, pero con estes vimbios non facemos bo cesto.