Cinco mulleres foron xa asasinadas,polas súas parellas ou ex parellas, ademais de outros casos nos que a muller por sorte, salvou a vida, tendo,como sucede cada vez con máis frecuencia algunhas destas agresións a nota común da relación dos seus autores coas FCSE.
Sen esquecer, por suposto,os menores que quedaron orfos, os que presenciaron como súas nais eran agredidas, chegando mesmo un deles a salvarlle a vida, quedando as de todos eles xa marcadas para sempre.
A maioría destes casos foron sucedendo ao longo de toda a campaña electoral na nosa comunidade, mentres os nosos candidatos a gobernarnos despregaban toda a súa artillería pesada, que consistiu, basicamente, en descualificarse uns aos outros, en lanzarse dardos envelenados e, por suposto, en prometer, prometer, e prometer, pero sen que a violencia machista tivera presencia apenas nos diferentes debates, mesmo non chegando nin a mencionarse nalgúns deles por ningún dos candidatos... nin candidatas!
No máis agardado de todos, no que todos os esforzos se centraron en nomear unha e outra vez ao "candidato ausente", aludindo, como sabemos, a ausencia do xa revalidado presidente da Xunta, na que eu cheguei a pensar que foi unha hábil manobra, grazas a cal estivo algo máis que presente, antes de comparecer posteriormente en solitario, pero ese é outro debate, non se rompeu esta tónica, non sendo a violencia machista mencionada polo candidato do PSOE, sendo moi de pasada e, soamente, como adoita suceder case sempre, en termos económicos pola Sra. Pontón, que se limitou a pedir orzamentos, demostrando, unha vez máis, que, ou ben o tema non lle preocupa demasiado, ou que aínda descoñece que non todo se soluciona con cartos, e menos aínda se non se aborda a raíz do problema, pasando pola Sra. Faraldo, que reivindicou esta violencia por un breve intre, pero única e exclusivamente para o colectivo LGTBI, porque, polo que se ve, as mulleres heterosexuais ou non temos dereitos, o xa somos tan privilexiadas que non precisamos axuda ningunha.
Tan so a candidata de Sumar se referiu a ela.
Creo que isto abonda para demostrar a auténtica importancia que se lle está a dar a violencia de xénero, que, polo que se ve, xa non conta nin como ferramenta electoral.
Claro que non hai dúbida, iso si, que, de cara ao xa próximo 8M nos resarcirán, e, ademais das consabidas proclamas supostamente feministas, haberá mesmo coiteladas para ver quen encabeza as manifestacións de rigor, ben agarradiñas as pancartas, aparcando, por un día, os novos "looks" acordes cos seus tamén novos estatus, o cal non tería maior importancia de non ser polas incisivas críticas que non se cortaron nin un pelo en lanzar no seu día contra as que non adoptamos o que se supoñía era o de auténticas feministas, para, por unhas horas, recuperar o uniforme de "activistas feministas".
Para continuar con tan "prometedor" panorama, hai tan só uns días, a Fiscalía Xeral do Estado anunciou que están a realizar un deses sisudos estudos, nos que se investirán, por suposto, uns cantos miles de euros, e dos que moitos petos se beneficiarán, nos que se analizará, seica, a influencia que ten a ruralidade na violencia machista , xa que parece ser que se decataron agora, no anos 2024! que unha vítima de violencia de xénero é máis vulnerable se vive nunha zona rural, así como das dificultades de diversa índole que ten para acceder a calquera tipo de recurso.
Para resumir, nada que non sexa cuestión de puro sentido común, e que lles poderíamos dicir gratis calquera dos que traballamos cada día ao carón das vítimas... e gratis!
Claro que, para iso, terían que tomarse a molestia de escoitarnos, e eso é algo que, nin fixeron, nin fan, nin, obviamente, están dispostos a facer, porque, de ser así, moitos petos se verían afectados, e moitos despachos poderían baleirarse, e iso é algo impensable.
Como moito, pode contemplarse algún cambio, pero sen saír da zona de confort, na que, ademais de estar moi a gusto, se aseguran un porvir no que, pase o que pase, sempre van ter un oco privilexiado.
Para conter a respiración tamén, agardando a ver por onde sae, a nova Ministra de Igualdade, que, desde a súa toma de posesión, o anuncio máis relevante que fixo foi a súa intención de "recompoñer o movemento feminista".
Moi loable a súa intención, que, por certo, recorda sospeitosamente a da súa antecesora, malia que máis moderada, alomenos polo momento, pero, francamente, agradeceríamoslle moito máis que nos manifestase que solucións propón para tentar frear esta sangría de mulleres e que, entendemos, debería de ser a súa prioridade, ademais de polo seu cargo, que lle pagamos entre todos, e porque é a súa responsabiidade, por humanidade.
Sinceramente, non soa nada prometedor.
O resumo?, que ante o panorama que se nos presenta diante dos ollos, e sendo realistas, moito nos tememos que, se acabamos de saír dun ano que, se por algo destacou, foi polo regueiro de sangue de mulleres que deixou, o que acabamos de iniciar non vai ser mellor, e que imos, de malo, a pavoroso.
Oxalá nos equivoquemos.
Asociación Si, hai saída