Eduardo Collado Torrente

28 de diciembre 2015
Actualizada: 18 de junio 2024

Hai uns días falecía un veciño de Marín cuxo nome e apelido lembraba ao seu pai: un personaxe da historia senlleira e digna de Marín e de Galiza, mais desa historia agochada polo sistema para facernos esquecer de onde vimos, quen somos e cara onde imos; desa historia esnaquizada que nos di que o que temos non ven agasallado senón que é produto do sacrificio dos nosos devanceiros na construción dun mundo mellor e máis xusto.

Eduardo Collado Torrente foi un destacadísimo cadro sindical da CNT na Galiza de preguerra. Nacido en Ferrol en 1889, carpinteiro de profesión e que sendo moi novo entrou a militar no anarcosindicalismo, sendo un dos fundadores do Ateneo Sindicalista de Vigo en 1918. Non se sabe ben cal foi a razón pola que chega a Marín nese período, mais todo fai pensar que foi enviado pola CNT como Delegado para vertebrala no concello. Aquí casaría con Manuela Rosales Magdalena “A Manduca”, veciña da Banda do Río.

En 1920, tras o pacto CNT – UXT, elixírono presidente da Federación Obreira de Marín, desenvolvendo un intenso labor organizador entre o campesiñado da zona e nos oficios ligados ao mar, artellando os colectivos de traballadoras da conserva e o de construtores de barcos. Foi presidente da Sociedade de Xastres e similares de Marín, presidente da Sociedade de Conserveiras de Marín e aecretario da sociedade “Unión de Campesiños” de San Xián de Marín, presidente da Sociedade de Panadeiros e similares de Marín e a súa contorna “La Emancipadora”, tamén foi Secretario da “Liga de agricultores de Marín”, sendo procesado xunto co resto da xunta directiva, e Secretario – contador do comité administrativo da Federación Obreira de Marín. Estamos, polo tanto, perante un dos impulsores do sindicalismo en Marín

Neste ano, tras a ruptura do pacto mencionado, substituírono na presidencia da Federación. Entón centrou o seu labor en construír a CNT naqueles oficios ligados ao mar aos que representou en agosto de 1922 na fundación da Confederación Rexional Galaica. 

O seu traballo desenvolveuse tamén no resto da provincia de Pontevedra con importantes arengas anarquistas en Vilagarcía, Vigo e tamén en Compostela, así como o seu traballo xornalístico en “Despertad” e “Solidaridad Obrera”. Funda, coa chegada da 2ª República Española, o maior sindicato anarquista da Galiza: o Sindicato da Industria Pesqueira de Marín con máis 1000 afiliados o que demostra a importancia do seu traballo polos dereitos da clase operaria galega.

En 1933 a garda civil de Marín detívoo por impedir que uns mariñeiros de Bueu vendesen peixe na lonxa de Estribela e por faltar ao respecto ao alcalde de Marín, o socialista Antonio Blanco Solla, dentro das desavinzas existentes entre a UGT e a CNT.

A partir de 1934 abandona a súa longa actividade sindical motivados por discrepancias coa directiva da CNT e polas presións da súa muller. Tras o comezo da guerra civil en 1936 detivérono e encarcerárono na prisión provincial, de onde saíu ao pouco tempo. Sería desterrado a Ferrol onde falece nun accidente laboral en 1940.

Collado forma parte do colectivo humano que loitou por un mundo mellor e como outros e outras moitas estarán no recordo na homenaxe aos fusilados do Comité de Defensa da República de Marín o vindeiro 31 de decembro no paseo do alcalde Blanco Solla.