Follas verdes e era visto

07 de noviembre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Na rúa San Pedro Alcántara da nosa cidade existe unha librería con encanto, das que son máis que un espazo de venda de libros, museo, tenda de antigüidades, galería de arte e tertulia das xentes do barrio

Na rúa San Pedro Alcántara da nosa cidade existe unha librería con encanto, das que son máis que un espazo de venda de libros, museo, tenda de antigüidades, galería de arte e tertulia das xentes do barrio, onde o seu dono ten a teima de que a xente lea aínda que non teña poder adquistivo e teña acceso á cultura e pon na beirarrúa, a carón do seu negocio, libros da súa propiedade ou dos que lle doan os numerosos amigos gratis para que ninguén quede sen ler por non poder mercalos. Polo Nadal cando nos nosos montes agroman os acivros saca un vellón arcón dos que as nosas avoas utilizaban para gardar os tesouros máis prezados e éncheo de agasallos que envolve con moito agarimo para que ningún neno do barrio quede sen un xoguete nesas datas.

Xosé, o dono da librería, é un persoeiro entrañabel, libreiro coleccionista do antigo adestrador de fútbol no seu tempo de lecer e sobre todo dos bos e xenerosos, un día decatouse que quedáballe cativo o espazo e na rúa Leiras Pulpeiro artellou un local para facer o Era Visto, una sociedade cultural e gastronómica aberta a todas as iniciativas dos veciños e veciñas do barrio para reunións, exposicións e calquera acto cultural e espazo de lectura e tertulia como o labor que antaño facían os Muíños e Teleclub onde os veciños reuníanse para tratar e arranxar os problemas do barrio.

Agora Xosé, que é dos que a cabeza non lle para, artellou no local de Era Visto unha exposición de fotos antergas do que el, gran coleccionista, ten na súa propiedade ou as que lle ceden os veciños e amizades, sabedor de que nun tempo no que había poucas cámaras de fotos. É moi interesante o poder facer unha exposición de vellas fotografías, ollar como cambiamos co tempo nós e os espazos onde pasamos o mellor da nosa vida, a infancia é xuventude nun tempo non tan doado como agora que cos móbiles todos teñen acceso a calquera imaxe. Como foron desaparecendo ou mudaron lugares e espazos e recunchos de xogos e edificios que coñecimos, persoeiros e familiares que xa non están e formaron parte e nos acompañaron nun tempo da nosa vida pasada que permanecen no fardel da memoria e cando as ollamos nas vellas fotografías fannos cóxegas no corazón ao traernos lembranzas que xa esqueceramos pois é certo que unha foto vale máis ca mil palabras e imaxes que foran parte da nosa historia cando as ollamos revivimos tempos de cando o mundo era o barrio e xa non queriamos outro, tempos de pan de figo e estorniños ceibes voando nun ceo de cor laranxa.

Noraboa a toda a xente que fixo posibel esta exposición.