Lecturas desde O Alcouce: 'Nena e o mar'

05 de marzo 2016
Actualizada: 18 de junio 2024

Nena e o mar é unha novela da autora coruñesa Érica Esmorís. A obra, gañadora do premio Merlín de literatura infantil no 2015, vén acompañada de ilustracións do ourensán Dani Padrón. O texto conta cos ingredentes necesarios para un bo libro de aventuras: unha nena protagonista, seres mito-lóxicos, un grupo de personaxes de acompañamento, e un final que se intúe feliz.

A protagonista é Nena, que lle dá nome á obra e que aparece na ilustración da fachada. Orfa de nai, vive co seu pai pescador nunha vila costeira en proceso de abandono. Logo da marcha da xente nova, ela é a única meniña da escola e o seu pai é xa o único que sae faenar e traer peixe a Porto Balea. Tras a desaparición do seu pai logo de saír pescar, Nena decídese a ir ao seu rescate. Con teimosía ligada á inocencia logra a colaboración do resto de habitantes, un fato de anciáns afeitos ás rutinas que acaban por se converter en personaxes secundarios de vital importancia na aventura de Nena.

O final feliz e en certo modo previsible demostra que non é necesario enxeñar unha trama enrevesada para crear unha boa historia. A narración máis pausada do comezo acada un maior frenesí no desenvolvemento da aventura, e desemboca nunha calma final no desenlace.

Se ben os diversos personaxes secundarios, con cadansúa historia particular, xogan un papel importante no texto, non consideraría Nena e o mar como unha novela coral. A trama central xira desde o comezo arredor de Nena, e non hai un clímax no que se xunten personaxes até entón non relacionados. A importancia da protagonista vese na gran relevancia que ten a escolla dos nomes propios dos personaxes, todos eles formando un palíndromo (Otto, Hannah, Arora...) agás o de Nena.

A elección de Dani Padrón como ilustrador foi axeitada, pois xa amosara boa disposición para a temática da navegación na peza dramática O Refugallo de Paula Carballeira, que contaba tamén con protagonistas infantís. Mais non destacan son só os seus debuxos das crianzas ou de ambientación mariñeira, nos que destaca a cor azul cos seus diferentes matices, pois é quen tanto de recrear os rostros rosmóns e engurrados dos vellos. Amais, demostra unha gran versatilidade ao recrear un debuxo da propia Nena e ao adaptar un retrato fotográfico. As ilustracións son variadas, acompañando os diferentes momentos da trama pero sen resultar excesivas.

En certo modo a novela recordoume A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, que se fixera co premio Merlín en 2010. Ao igual ca Nena e o mar, está ambientada tamén nunha vila costeira e protagonizada por unha rapaza que ten que facer fronte ás adversidades. Dúas obras ben interesantes para o público infantil a que están destinadas pero tamén para as persoas adultas que queiran navegar por mares aventureiros.

http://pontevedraviva.com/uploads/fotos/nena-e-o-mar.jpg

© Edicións Xerais

Nena e o mar (Edicións Xerais, 2015)

192 páxinas. ISBN 9788499149509