Lembranzas no tempo dos Maios

02 de mayo 2021
Actualizada: 18 de junio 2024

As coplas dos Maios na posguerra foron os poucos papeis impresos na nosa lingua na longa noite de pedra da nosa historia, foron a artesa onde se conservou o noso idioma. 

O cuco xa esta entre nós, a rula canta na sementeira, a andoriña surca os ceos, florece o fiuncho na Xunqueira de Alba e nas beiras do Gafos florecen os lirios e amarelan as xestas, é tempo de Maios.

Paseando pola rúa Real de súpeto atopeime cunhas fotografías que nos fan cóxegas no corazón dos colexios participantes doutros anos na Festa dos Maios de Xosé Carlos Morgade colocadas polo concello en portas e xanelas de dita rúa. 

Noraboa pola iniciativa e por, aínda que sexa de maneira virtual, poder gozar dunha festa tradicional tan nosa que a min faime lembrar tempos da nosa infancia de pan de figo e fame, de cando o mundo era o noso barrio e nós participabamos dela.

Acórdome da leiteira que carrexaba o leite para o barrio da Virxe do Camiño que viña de Tomeza e traíanos na véspera da festa feixes de flores ventureiras, pampullos, calas e ovos.

Recordo ás miñas irmás e ás mozas do barrio apañando margaridas e despois xunto os ovos, o fiuncho e laranxas enfiar nun cordel para facer a coroa do Maio.

Recordo a todos os rillotes do barrio rapiñar nas beiras do río e nas veigas da contorna os paus e os vimbios para a estrutura, e na taberna do barrio O Enchufe os aros dos bocois para o armazón.

Recordo ás nosas nais o día da festa moi cedo refregándonos os xeonllos con xabón Lagarto, cheas de roña de gatexar polas árbores e de andar polas veigas apañando fiuncho e flores. Nese día tiñamos que poñer os traxes que estrearamos o Domingo de Ramos pois iamos ao centro, á Praza da Ferrería, onde estaban os señoritos da boa vila. 

Recordo ao noso pai que traballaba no Concello e coñecía a Cuña Novas e nós dabámoslle as coplas dos maios para que nola corrixise e tamén algunha vez fomos a pedirlle o mesmo a Filgueira Valverde ao instituto Valle Inclán onde daba clases de literatura.

Lembro o afogo cando, encerrado nunha gaiola de fiuncho e flores co aroma da rosca do premio alí no medio do Maio esperando cos compañeiros batendo os paus, déronme entrada para recitar as coplas, rezando para non confundirme. 

Recordo todos os rillotes do barrio sentados no peitoril da Ponte da Tablada mirando con tristeza como o río levaba o Maio que segundo a tradición tiñamos que colgar, o que saía da natureza volvía á natureza, alí ía tanto esforzo e traballo sen o premio da rosca que naquela época de fame era o que mais doía, criticando aos membros do xurado que segundo o noso parecer tíñannos xenreira e privábannos da saborosa rosca do premio.

A praza da Ferrería, feita de pedra e camelia, o día da Festa dos Maios convertíase nun campo de mapoulas de cores, de lirios e narcisos, de flores ventureiras. O aire enchíase de poesía e aroma de rosca.

As coplas dos Maios na posguerra foron os poucos papeis impresos na nosa lingua na longa noite de pedra da nosa historia, foron a artesa onde se conservou o noso idioma. 

Mil primaveras máis para a Festa dos Maios de Pontevedra.