Máis de vaquinhas e de trens

19 de enero 2025

Non lembro como rematou Clarinha pero fágome unha idea. Probablemente na feira de Soutomaior, no mercado de coiros coma os bois do Cousas de Castelao…

Clarabella Cow foi un antigo personaxe da factoría Disney incluído no clan de Mikey Mouse.

Non é de extranhar que, cando eu era moi pequeno, a vaquinha da casa fose bautizada con tan pintoresco nome, aínda que entre nós quedouse en Clara porque había xa unha confianza.

Clara era unha pequena e xeitosa frisona que co seu abnegado trabalho, mailo esforzado sacrificio de Mamá Maruja, déronnos criado con ben en tempos moi difíciles. Abenzoados nosos pais e avós que lhes tocou sobrevivir, reconstruir o país, criar os filhos, enriquecer aos fascistas, tragarse o medo e chorar en silencio. Nunca lho daremos pago!

Non lembro como rematou Clarinha pero fágome unha idea. Probablemente na feira de Soutomaior, no mercado de coiros coma os bois do Cousas de Castelao…

Achegándose a Forcerei pola EP-7106 atópase unha rotonda e no seu centro hai unha excelente escultura labrada en pedra, de nome "Homenaxe á muller labrega”. A min isto parecíame unha obviedade e chamábalhe Xonxa para os meus adentros, como a inesquecible heroína do gran forcaricense Chano Piñeiro, como a senhora do estanco da vila…O esgrevio monumento representa os tres piares sobre os que se sustenta esta Patria Nosa: un neno; unha mulher e unha vaquiña. O portento débese ó talento de Magín Picallo.

Rematando a década dos sesenta, tiven a sorte de ir trabalhar a unha vilinha do cordal do Jura neuchatelés de apenas 900 habitantes (extranxeiros incuídos). Malia a súa pouquidade, posuía case tantas vacas como xente e unha flamante estación terminal de tren. Pouco importaba a modernidade dos convoios e as locomotivas sen fumes; as vaquinhas suízas deixaban de pacer, erguían as cabezas e olhaban, embobadinhas, para os trens. Algunha vez ten parado na estación, un antigo tren de vapor que facía viaxes turísticas por todo o país. Un tren que funcionaba grazas ó altruismo do grupo de amigos do VVT ( Vapor do Val de Travers ) como o meu aprezado senhor David Jennings, que nos deixou na primavera pasada, como venho de enteirarme. "Alá onde vaias, vai con ben amigo David. Sé moi feliz, onde queira que esteas”.

E, falando de vaquinhas, vénme á memoria un home (filho dun amigo) que naceu con vocación de veterinario. Con moi pouquinhos anos era quen de dar conferencias sobre vacas; de tódalas razas que poblan a península ibérica. En certa ocasión o seu pai (celtarra a morte) levouno a Balaídos e, cando rematou o partido preguntoulhe: "Que,neno, que che pareceu o partido?” e respostou o rapaz olhando cara o céspede: " Ai papá…que mágoa de herba para as vaquinhas !” Vaia unha forte aperta Brandán Costas, onde queira que te atopes !

Habería moito máis que contar sobre trens e vacas pero outra vez será pois aínda me parece oílas, nas noites de verán, interpretando unha serenata de chocas, nas montanhas de arredor e interrumpidas, ás veces, pola buguina discordante do tren.

Máquina de tren
Máquina de trenDavid Jennings, membro de VVT ( Vapeur Val-de Travers, Saint Sulpice )