A mesma protección para todas...?

26 de enero 2026

Cantas mulleres hai, aquí, no noso país, vítimas de violencia machista, en situacións de risco que, precisando de xeito urxente ser protexidas e solicitar unhas medidas para facelo posible, lles son denegadas?

Sería o seu dar por sentado que a nosa sociedade, á que cabería presupoñer un mínimo de sentido común e de sensibilidade, estaría máis que alarmada, ademais de indignada, cando, na primeira quincena do ano que acabamos de iniciar, catro mulleres foron xa asasinadas polas súas parellas ou ex parellas.

Nun dos casos, acontecido en Las Palmas, a muller, como xa dixemos en semanas precedentes, presentou denuncia e estivo incluída no sistema VioGén, ata que, un bo día, unha mente brillante —que deducimos seguirá durmindo tranquilamente cada noite e da que nunca coñeceremos a identidade, faltaría máis!— decidiu, saber con que criterio, arquivar a denuncia.

Hoxe, dúas semanas despois, xa ninguén se acorda nin desta nin de ningunha das outras mulleres asasinadas, agás, naturalmente, os seus seres queridos, marcados xa para sempre, porque a nosa sociedade é así, cada vez máis deshumanizada e cunha empatía a nivel do chan, ou máis baixa aínda, se isto fose posible, autoridades e institucións incluídas, dando exemplo, como ten que ser, especialmente o Ministerio de Igualdade e a súa cabeza visible, que destila frialdade no que as vítimas de violencia de xénero atinxe, por cada poro da súa pel.

Pola contra, España vibra e se pronuncia con respecto a Julio Iglesias e ás acusacións de abusos sexuais por parte de dúas das súas ex empregadas.
Non imos opinar sobre o caso, en primeiro lugar, porque, como sempre dicimos, nós non estabamos alí e, porén, non podemos saber o que pasou.

Sinxelamente, mencionámolo polo seu carácter mediático e por estar de plena actualidade.

Gustaríanos saber, iso si, tanto neste caso coma noutros igualmente mediáticos, tanto defensores como detractores, que sentencian rotundamente, en base a que o fan, pero moito nos tememos que, unha vez máis, a dúbida non vai ser despexada.

Se agora aludimos a este tema, é por outra razón distinta pero, á vez, estreitamente relacionada, e que afecta moi directamente non soamente as vítimas de violencia machista, senón a todas e cada unha de nós, mulleres, porque, como sempre lembramos, calquera muller pode chegar a verse nestas circunstancias nun momento dado das súas vidas.

As, aínda, presuntas vítimas de Julio Iglesias chegaron a España (aínda non temos moi claro por que) pero, en fin, esa é outra cuestión; e fixérono, xa de entrada, como testemuñas protexidas... aí é nada, e, de inmediato, a Fiscalía decretou unhas medidas de protección para elas, así, sen máis dilación e sen celebrarse xuízo ningún, nin, aparentemente, razón ningunha, polo menos demostrable, de que precisasen de xeito especial esas medidas.

E aquí, neste punto, chegamos á cuestión que realmente nos preocupa, nos indigna e fai que este sistema noso teña cada vez menos credibilidade.
Cantas mulleres hai, aquí, no noso país, vítimas de violencia machista, en situacións de risco máis que evidentes, mesmo nalgúns casos —en moitos, de feito— estando máis que demostrada a culpabilidade do seu maltratador, que, precisando de xeito urxente ser protexidas e solicitar unhas medidas para facelo posible, lles son denegadas?

É xusto que tantas e tantas mulleres vivan nunha situación de auténtico pánico, por elas e, en moitos casos, tamén polos seus fillos, sen contar con protección ningunha, aínda existindo mesmo unha condena?

Acaso as mulleres anónimas non temos dereito a ser protexidas se tememos pola nosa seguridade, pola nosa vida, contando, en non poucas ocasións, con ameazas ou sinais algo máis que explícitas?

Porque, se de algo podemos estar seguras, é de que ás posibles vítimas de Julio Iglesias non lles vai faltar protección, mesmo agora que a Fiscalía da Audiencia Nacional decidiu arquivar a denuncia por falta de xurisdición española, habida conta do armazón construído arredor delas, comezando por unha ONG que non se sabe moi ben que pinta aí, pero aí está, e dado o mediático do caso, xa que mesmo membros do Goberno, comezando, unha vez máis, pola ministra de Igualdade, e continuando polo mesmísimo presidente do Goberno, se pronunciaron abertamente ao seu favor, dando mostras dunha total parcialidade, independentemente de que estean a contar ou non a verdade, algo que é inxustificable se se mire por onde se mire, pero que se repite unha e outra vez sempre que os implicados son parte do "famoseo", mentres que no caso de vítimas descoñecidas son sistematicamente ignoradas, agás, por suposto, polos "eficaces" minutos de silencio.

Porque, non nos enganemos, se a estas mulleres lles chegase a pasar algo, o clamor social e mediático ía ser colosal, pero, pola contra, cando isto lle sucede a unha muller descoñecida, o mutismo é total, e rapidamente se corre unha cortina de fume, non volvendo a mencionarse o caso nunca máis.

Ser unha muller maltratada en España implica selo por partida triple: polo executor material dese maltrato, pola sociedade, e polas institucións que, sistematicamente, as ignoran e as desprotexen.

Non imos poñer en dúbida que, no que respecta ás institucións, haberá quen, a título persoal, non comparta para nada este criterio; pero as cousas son como son, e quen forma parte delas ten que acatar as súas pautas, se o quere seguir facendo.

E o mesmo sucede con ese "activismo" que aparece e desaparece segundo convén.
O apoio é total cando o caso é mediático, aínda sen chegar a saberse, como tantas veces acontece, a verdade, pero calando cando a vítima é descoñecida, sobre todo se o feito de apoiala lles pode ocasionar certos "prexuízos".

Intentan vendernos que todas as mulleres, no caso de ser vítimas de violencia machista, contamos co mesmo apoio.
Totalmente falso.
Temos o mesmo dereito, si, pero, realmente, se nos protexe a todas por igual?
A resposta é, tristemente, evidente.

Asociación Si, hai saída.