Mocidade, sexo e pastillas

05 de marzo 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Os que me seguides, que agardo que alguén haxa, observaredes que, dun tempo a esta parte, falo con bastante frecuencia da mocidade, deses rapaces e rapazas aos que tanto se critica e se culpa por ser máis violentos eles, máis submisas elas, máis irresponsables, máis... que sei eu cantas cousas máis, pero, en definitiva, botándolles a culpa de todospandejavu>

Os que me seguides, que agardo que alguén haxa, observaredes que, dun tempo a esta parte, falo con bastante frecuencia da mocidade, deses rapaces e rapazas aos que tanto se critica e se culpa por ser máis violentos eles, máis submisas elas, máis irresponsables, máis... que sei eu cantas cousas máis, pero, en definitiva, botándolles a culpa de todo.

O certo é que eu, que, por fortuna, teño un trato bastante estreito con moitos deles grazas a miña actividade en Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, discrepo, como xa dixen en reiteradas ocasións, desas acusacións e desexaría que nós, os adultos, tomásemos conciencia dunha vez por todas da responsabilidade tan directa que temos en moitos deses comportamentos que tanto se lles censuran.

Malia isto, teño que admitir que cada vez me preocupan máis, porque estou a constatar que sobra quen os critique, pero falta quen se preocupe realmente por eles, por saber que pasa nas súas vidas, na súa contorna, e, en definitiva, que está a suceder nese eido xuvenil que non soamente provoca que teñan certos comportamentos, senón que mesmo pode levalos a expoñerse a determinados perigos, porque non esquezamos que son moi novos, e, porén, inexpertos.

A maioría dos adultos, principalmente os que temos fillos, gabámonos de dialogar abertamente con eles, mesmo temos a ousadía de dicir as veces e demasiado alto que nos contan todo... En fin, non sei se pecamos de coitados, ou é un xeito de tentar tranquilizar as nosas conciencias, porque é obvio que, por moi boa relación que teñamos con eles, nunca nos van contar todo o que acontece nas súas vidas, como é lóxico, e como todos fixemos no seu momento.

E se hai un tema especialmente espiñoso de tratar, para ambas-las dúas partes, a lo menos nunha gran maioría dos casos, por moito que os pais e nais vaiamos pola vida de liberados e de modernos, é o relacionado co sexo, con esas relacións sexuais que sabemos que teñen, cada vez máis temperás, pero que preferimos ignorar, e raramente pasamos diso de "o papá pon unha semente na mamá" cando son pequenos e nos preguntan de onde veñen os nenos, pasándolles a pataca quente aos colexios, aos orientadores, ou dando por sentado que acabarán, co tempo, por ser "autodidactas" e que as dúbidas que lles poidan xurdir as irán resolvendo entre eles, con respostas máis ou menos atinadas, o cal no está exento de risco, todo hai que dicilo.

Nas últimas semanas, dúas circunstancias que observei, fixeron que a miña preocupación medrara, así como a certeza de que algo, na súa educación en xeral, e na sexual en particular, está a fallar estrepitosamente, e non pola súa culpa, precisamente.

A primeira foi unha nova que lín nun xornal, cuxo titular dicía textualmente:La nueva moda entre jóvenes: "Salen de fiesta con viagra para poder beber y que se les levante" , que reproducía as manifestacións dunha sexóloga, que ratificaban outros profesionais, alertando dunha nova e perigosa "moda" que está comezando a estenderse entre os varóns máis novos, que consiste en consumir Viagra cando saen de festa para poder beber canto queiran sen que isto lles supoña problema ningún para "render" á hora de ter relacións sexuais porque, din, "é mais divertido", "duras máis", e, o máis importante, para tentar levar a cabo esa especie de maratóns sexuais, que os eleva a categoría deses "supermachos" que lles chega a través da pornografía, e, malia que en menor grado, tamén desde o cine comercial ou certas series, sen ter en conta os riscos para a súa saúde, os tremendos efectos que esa explosiva mestura de alcohol e fármacos pode chegar a causarlles e que pode ser fatal.

Por outra banda, non me pasou desapercibida a publicidade, neste caso dirixida ao público adolescente e xuvenil feminino, que, desde hai unha tempada, se está a facer na Tv. dun fármaco, non lembro o nome comercial, e, ademais tanto ten como se lle chame, que non é outra cousa máis que a coñecida como píldora do día seguinte, utilizada despois de manter relacións sexuais sen protección, coa finalidade de evitar un posible embarazo non desexado, píldoras que se dispensan libremente, sen receita médica, polo cal, calquera rapaza pode acceder a elas sen dificultade.

Isto non é nada novo, ben o sei, pero, ata onde eu recordo, é a primeira vez que vexo que se anuncien tan aberta e reiteradamente.

Nesta publicidade faise fincapé na liberdade das rapazas para decidir se queren ser ou non nais, ou se o momento é o oportuno.

Creo que isto é algo como mínimo, bastante irresponsable, e non o digo por unha cuestión moral, nin moito menos, se non por outras razóns ben diferentes.

Efectivamente, cada muller, cada rapaza, é moi libre para decidir sobre as súas relacións e sobre a súa hipotética maternidade, pero, especialmente para as máis novas, a facilidade de acceso a estas pastillas pode levalas, erradamente, a utilizalas, de xeito recorrente, como un anticonceptivo habitual, e non como unha solución de emerxencia, puntual, ante situacións como pode ser que un preservativo se rompa, que se esqueza a toma dun anticonceptivo... pero nunca para substituílo, cos riscos que isto implica, e xa non tanto polos posibles efectos secundarios que poida producir, que a día de hoxe xa se sabe que non son tantos nin tan agresivos como se cría cando esta píldora apareceu no mercado, nin porque se trate dunha píldora abortiva, como sostiñan os seus detractores, xa que, de feito, se xa existira un embarazo no momento no que a a rapaza a toma, o efecto sería nulo, senón porque o seu consumo indiscriminado traería como consecuencia prescindir doutros métodos anticonceptivos previos, como é o recomendable, entre eles os de barreira, ou, dito doutro xeito, a total desprotección ante as ETS (Enfermidades de transmisión sexual), unha consecuencia aínda peor, creo, que un posible embarazo.

Por non mencionar o feito de que este consumo ao libre albedrío fai recaer toda a responsabilidade desa anticoncepcion exclusivamente na muller, ignorando que as relacións son cousa de dous, co cal non soamente non avanzamos, senón que o retroceso é máis que evidente.

Pero o que máis me "descolocou" e me indignou profundamente foi ler e escoitar certos comentarios que suscitou a primeira das noticias ás que me refiro, a da mestura de Viagra e alcohol, procedentes de adultos, algúns deles, cónstame, pais e nais, aos que, polo visto, lles fixo moita graza, e que soltaron pola boca perlas como, "para que a toman, para ter onde colgar o paraugas?", moi celebradas por outros, que, ademais de rirse, responderon con outros polo estilo

Que dirían se mañá os chamaran para dicirlles que o seu fillo está no hospital por ter tomado tal explosivo cóctel de pastillas e alcohol?.

Ou se a súa filla contraese unha ETS por ter prescindido do preservativo e confiarse a píldora en cuestión pensando tan só en evitar un posible embarazo?

Seguirían rindo?

Ten delito que, ante comportamentos tan "exemplares", aínda haxa quen se obstine en botarlles a eles, aos máis novos, a culpa de ser como son, de criticar algunhas das súas condutas.

Francamente, visto o visto, creo que non soamente non se lles poden reprochar, se non que habería que pedirlles perdón.

 

Asociación Si, hai saída