MUFACE, dereito ou privilexio? - I

20 de enero 2025

"La salud tiene un coste, pero no tiene precio" (Ernest Lluch)

"La salud tiene un coste, pero no tiene precio" (Ernest Lluch)

Estou asistindo como espectador a toda a lea que se está organizando arredor de MUFACE. Vexo moitos intereses por todas partes. As informacións que se dan son moi de parte e ao persoal cústalle (nos) ter unha idea clara do que está pasando. Na derradeira etapa da miña vida laboral fun funcionario da Xunta de Galicia. Nunca fun de MUFACE, tampouco me deron a ocasión. Aquí é a primeira eiva que leva a engano, non todos os funcionarios pertencen a MUFACE. Vén do acrónimo do nome Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, clariño son funcionarios "do Estado". Os das autonomías non son deste colectivo.

Como é que ocorre isto? Hai que ir para atrás no tempo. Ata os anos 70 había unha morea de mutuas administrativas con moita fragmentación, dispersa e desigual. No ano 1975 créase por lei MUFACE para achegar aos funcionarios aos principios de universalidade e homoxeneidade da Seguridade Social que lle daba asistencia á traballadores da empresa privada. Non se pode negar que daquela foi un acerto esa integración e unificación en MUFACE para igualar aos funcionarios ao resto dos traballadores. Xa entrada a democracia neste país, o 18 de marzo de 1986 apróbase no Congreso dos Deputados a Lei Xeral de Sanidade, a famosa Lei Lluch, por ser Ernest Lluch o seu promotor. Esta lei universalizaba a sanidade, estendía a toda a cidadanía as prestacións que daquela só se aplicaban aos usuarios e usuarias da Seguridade Social que lles prestaba asistencia só aos seus contribuíntes. A partir desa data toda cidadanía española tiña dereito a sanidade pública a través dos Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Que pasa cos funcionarios do Estado? Pois a resposta é fácil, seguen en MUFACE os funcionarios e funcionarias civís do Estado, en MUGEJU os que están ao servizo da administración de xustiza e ISFAS para o persoal das forzas armadas. Houbo declaracións ao longo dos anos cara a desaparición, pouco a pouco, destas mutualidades. Mais só foi iso, declaracións. O funcionariado do Estado quedou nun mundo ideal (para eles e elas) por unha banda, e sempre que quixeren, teñen dereito a sanidade pública universal, como calquera cidadán deste país, pero se non, o Estado pagáballes a sanidade privada, facendo eles tamén unha aportación mensual que se desconta da nómina. Explicado así parece moi sinxelo pero o de MUFACE é moi poliédrico con moitas arestas.

A xente non funcionaria pregunta que problema houbo, ou hai, para que non desaparezan estas mutuas. Quedei con Fernando, amigo meu desde fai moito tempo e mutualista de MUFACE, aínda que agora desde que tivo unha operación e ten unha medicación moi custosa pasaouse ao Sistema Nacional de Saúde. Fernando comeza dicíndome que a cousa é complexa. Por unha beira os funcionarios e funcionarias que son de MUFACE. Polo outro os intereses das aseguradoras e, dentro destas, tamén hai intereses diversos. MUFACE non ten médicos nin hospitais polo que contrata con aseguradoras privadas as asistencias aos membros. Para este funcionariado a sanidade é elixir a que especialista médico vas ir, cando os demais imos ao que nos toca, cada vez un distinto. Isto leva que estas persoas non teñan historial médico no Sistema Nacional de Saúde ao ter espallados os historiais por distintos hospitais e especialistas. Tampouco sabemos das súas vacinacións. Pero non é só o problema da sanidade — di Fernando — hai máis. MUFACE da asistencia a parentes dos mutualistas como son: o seu cónxuxe, os descendentes ata unha idade, os irmán ou irmás e os ascendentes, (https://www.muface.es/muface_Home/mutualistas/beneficiarios.html) sempre que vivan no mesmo domicilio e cumpran unha normas. Tamén hai outras prestacións como son as dentarias (axudas a gastos de dentista, incluídas fundas ou ortodoncias), as de gastos ópticos, as de ortopedia ou as de audiófonos. Tamén se pode ter xubilación anticipada — dime Fernando — eu xubilei aos 61 anos porque levaba máis de 30 como mutualista. Fernando tamén me fala do "clasismo" que se ve nos "altos funcionarios do Estado", nomeadamente inspectores de Traballo e de Hacienda ou avogados e interventores do Estado asociados en Fedeca (Federación Española de Asociación dos Corpos Superiores da Administración Civil do Estado), que cando entran nas administracións empezan cuns salarios por riba dos 50.000€/ano. Seica andan manifestado a través dos seus representantes que a desaparición de MUFACE é unha "profunda ideoloxización" ou que "as listas de agarda para as consultas pasarían de 121 días actuais a superar os 227 días". Soltan tamén o bulo de que "moitos dos empregados públicos que están en MUFACE terían que dedicar máis dun 10% do seu soldo por contratar un seguro de saúde privado como o que teñen agora polo que pagan 478,36 euros, independemente do número de persoas que acceden ao seguro ". Dígolle a Fernando que si pasan ao SNS teñen garantida a sanidade e non pagarían nada. Outra cousa que non entendo é o das listas de agarda, se o SNS se incrementa nun 3% non significa que se dupliquen as listas de agarda. As matemáticas non fallan.

Teñen razón os de Fedeca cando din que hai ideoloxía nas propostas de ir eliminando gradualmente MUFACE. O público é o garante do acceso universal ao servizo que se establece, nomeadamente educación e sanidade. Certo que hai ideoloxía nas propostas, ao igual que a hai nos que propoñen a privatización de calquera actividade que supoña reparto de riqueza, ou o que é o mesmo que supoña a regulación do mercado. E logo as propostas de Trump, Milei, Rueda ou Ayuso non son ideolóxicas? No caso dos anciáns falecidos polo abandono a causa dos "protocolos da vergonza" Ayuso dixo aquelo de "se iban a morir de todas formas", é unha opinión científica ou ideolóxica?. O estado do benestar é garantir formación, sanidade, mobilidade, asistencia, etc. para a cidadanía.

No 2010 co crise recortáronse gastos. Recortes aos funcionarios. Recortes do 10% na sanidade pública. Pero non recortaron nada a MUFACE xa que era un contracto entre o Estado e empresas privadas. Ese 10% en moitas CCAA non se dá recuperado aínda que a sanidade estea declarada "universal". A sanidade é competencia das CCAA, moitas delas con gobernos do PP, que non cre na sanidade pública, así non se inviste o necesario. Non hai máis que ver os hospitais e a súa xestión "público-privada", os sobrecustos, as listas de agarda, ou os convenios con hospitais privados. Abusan do esforzo dos profesionais na asistencia primaria. Aprovéitanse da profesionalidade da vocación e humanidade dos profesionais. Explotan a suplencia con xornadas e gardas extenuantes. Usan indebidamente das horas de formación do MIR e EIR. Isto levou a que en algunhas CCAA se incrementaran os seguros privados. Din que non hai profesionais, mais fórmanse moitos cada ano pero vanse fóra porque están mellor pagos e, tamén, non andan con contractos tan precarios como aquí.

Vistas así as cousas é normal que moitos funcionarios de MUFACE queiran seguir co sistema actual mais se a sanidade pública fose como debe ser a eliminación de MUFACE sería fácil. O máis acaído é ir eliminando pouco a pouco o que é un privilexio e os cartos que se meten nas aseguradoras metelos na sanidade pública e, como fondos finalistas, non vaia ser que nas CCAA os deriven para outra cousa. Coas cifras que se están manexando pódese contratar moito persoal sanitario e ben pagado, mesmo retornar moitos dos que se foron.

Si alguén ten un dereito que lle dá a administración, que eu manteño cos meus impostos, e si deses dereitos eu non os desfruto, iso non é un dereito, é un privilexio, por riba coa familia incluída, non me estraña que non queiran que desapareza. Isto é como a ensinanza concertada, que era provisional e pouco a pouco foi medrando. Todo se pode reformar. Só hai que querer facelo.

Para a semana que vén falaremos das empresas aseguradoras e os intereses que as moven.