A nós que non nos miren

26 de mayo 2025

Unha muller no Barco (Ourense), acude a un cuartel da Garda Civil, para solicitar información sobre como proceder para separarse ou divorciarse do seu marido.

Non manifesta ser vítima de violencia de xénero, mais, polo visto, no cuartel non lles estrañou que, para obter ese tipo de información, en lugar de acudir a un avogado, Servizos Sociais, ou alguén con competencia nesa materia que puidera asesorala legalmente, acudira directamente ao cuartel, polo que ninguén se tomou a molestia de intentar indagar un pouco máis, de conversar con ela, e, despois de facilitarlle a información que consideraron oportuna, deixárona marchar tranquilamente, e sen preocuparse posteriormente dela para nada.

Poucas horas despois, esa muller precipitouse desde a ventá dun cuarto andar, despois de ser salvaxemente acoitelada, espida de cintura para abaixo, e con marcas nos pulsos e nos nocellos.

Terrible, pero, por desgraza, nada novo baixo o sol.

Unha vez máis quedou en evidencia esa "extraordinaria formación" que tanto nos venden das FCSE, e, sobre todo, da súa "sensibilidade" en materia de violencia de xénero, que non soamente non souberon, ou non lles interesou sabelo, que, tras esa consulta, podería haber unha chamada de auxilio desesperada.

Porque, claro, facelo require tempo, moita paciencia, ademais de, e isto é fundamental, empatía, e ir, pouco a pouco, tentando obter unha información que permita chegar á raíz do problema.

É mellor, e, sobre todo, moito máis cómodo, limitarse a contestar a súa consulta, coma se se tratara dunha cuestión meramente burocrática, e, se pasa algo, como, desgraciadamente, foi o caso, trasladarlle a responsabilidade e a culpa á vítima, como xa fixeron, e como tantas e tantas veces se fai.

Se non a axudaron foi porque ela non lles contou nada, polo que de nada teñen a culpa, que non é de ninguén máis que dela por calar, non si? Así que, polo tanto, a nós que non nos miren.

O resto do proceso xa o coñecemos.

Minutos de silencio, manifestacións de repulsa, declaracións de veciños, "amigos", familiares, etc., "consternados", e a outra cousa, a correr rápidamente unha cortina de fume, ao esquecemento o máis rápido posible, coma sempre que unha clara neglixencia das FCSE deixa en evidencia a desprotección e a falta de prevención que sofren as vítimas de violencia machista.

O acontecido con esta muller é algo que para nada nos é alleo en Si, hai saída. Once anos de andaina dan para moito, e son moitas as mulleres que se achegaron e se achegan a nós coa única finalidade, aparentemente, de solicitar unha información de índole exclusivamente legal ou xurídica de cara a un posible divorcio, para, en moitas ocasións, despois de moitas horas de conversación, e de tentar saber algo máis, acabar confesándonos a verdade, a tremenda situación que están a vivir, pero, obviamente, non é cuestión nin de agobialas, nin, menos aínda, de "despachalas" así, sen máis.

Evidentemente, non sempre conseguimos esa información na primeira toma de contacto, nin moito menos. De feito, é bastante improbable, pero, cando temos sospeitas de que pode haber algo máis detrás desa consulta, xa sae de nós chamalas, ou facerlles chegar unha mensaxe, mesmo quedar con elas para tomar un café nun ambiente un pouco máis distendido, as veces que sexa necesario, e, por desgraza, a maior parte das veces, esas sospeitas chegan a confirmarse... ou por sorte, porque, grazas a iso, podemos, ás veces, evitar males maiores.

Non sabemos a que lle chama o noso goberno "formación en violencia de xénero". A uns cantos cursos impartidos por colegas ou "especialistas" que actúan de igual xeito que eles?

E preguntámolo con todo o respecto, pero aos feitos nos remitimos. Polo menos, é o que nós observamos que se está a facer, ignorando por completo o que tantas veces demandamos, o estudo profundo da psicoloxía deses axentes, gardas, ou o que sexan, que van ter a vida de tantas mulleres e mesmo de menores nas súas mans.

Non podemos deixar pasar de largo, así mesmo, tampouco nesta ocasión, a falta de colaboración da contorna da parella, que, malia saber o que estaba pasando, non denunciaron, aínda que tamén é verdade que, a estas alturas, e lamentamos moito ter que dicir isto, pero, visto o visto, ás veces non podemos evitar chegar a pensar que tanto ten facelo coma non, porque a desprotección, a nula prevención, non soamente non axuda ás vítimas, senón que as deixa dobremente desprotexidas ante os seus maltratadores, máis agresivos aínda ao saberse denunciados e saír impunes.

Non somos, en Si, hai saída, catastrofistas, nin sequera pesimistas, pero si realistas, e, despois de once anos de traxectoria, temos que recoñecer que as cousas, no que atinxe á violencia de xénero si cambiaron, pero a peor.

Soamente hai algo positivo para moitos e moitas. O lucrativo negocio do que moitos se están a beneficiar, e que, ese si, non deixa de medrar e "mellorar", malia que custe vidas.

Asociación Si, hai saída