Nun abrente de esperanza

17 de junio 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Albíscase un abrente de esperanza tras o anuncio da liberación do río dos Gafos, do traslado de Ence da ría e da recuperación das marismas da Xunqueira de Alba. Dicía Galeano: "Moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo"

Albíscase un abrente de esperanza tras o anuncio da liberación do río dos Gafos, do traslado de Ence da ría e da recuperación das marismas da Xunqueira de Alba. Dicía Galeano: "Moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo". Nós acreditamos nestas verbas o dereito a soñar unha ría limpa sen industrias contaminantes, xa é tempo dabondo que traballadores e empresa se decaten que teñen que saír da ría. Ninguén está en contra dos traballadores, a maioria de nós temos fillos no paro e ninguén está por destruír o pouco emprego que hai pero todos sabemos que Ence está nun lugar que prexudica ao desenrolo da cidade, que os únicos beneficiados son os accionistas que seguramente nin coñecen a ría e deixan que os traballadores dean a cara por eles e lles fagan o traballo sucio, e non tendo escrúpulos cando os teñan que deixar na rúa.

Todo o mundo sabía cando a empresa se instalou na ría que non ía ser por vida, que tiña data de caducidade que era unha concesión por un tempo, os sindicatos que son os representantes dos traballadores tiveron tempo dabondo para exisirlle á empresa que fóra buscando un lugar alternativo para cando caducase a concesión. Logo de máis de cincuenta anos sen vida nin luz, albíscase unha loaira para o Río dos Gafos, que sen tempo non era. Axiña vai ser destapado despois de moito tempo agardando por un amencer de lirios. Oxalá nós aínda poidamos ver unha ría limpa de industrias contaminantes e un río cheo de vida e de luz e unha Xunqueira de Alba chea de vida e de espazo de lecer.

O domingo vémonos na ría nunha marcha que ten que ser festiva da man das mariscadoras, que levan moito tempo soñando cunha ría limpa; de tronzadores de eucaliptos; de limpadores de ríos e praias; de nenos e nenas defensores do medio ambente; homes e mulleres que se bañaron na praia dos Praceres. Moita xenta quedou no camiño pero quédanos a súa memoria de loita que nunca se rendeu para poder ter unha ría libre de industrias contaminantes. Mágoa que non poidan celebralo con nós.