Desde que hai xa case 10 anos iniciamos a andaina deSi, hai saída, temos visto, vivido e escoitado,cremos, case de todo.
Algunhas cousas mudaron en todo este tempo, pero non tantas como se nos quere facer crer, nin todas para ben, mentres que hai outras que continúan exactamente igual.
Unha delas é o longo e complicado camiño para que unha muller vítima de violencia de xénero que decida saír do seu inferno poida acceder a algunha desas axudas que tanto e tan ben nos venden, tanto que, e perdoade a triste ironía, semella que, unha vez que optan a elas e se lles conceden, se é que isto chega a suceder, algo bastante dubidoso e discutible, van vivir pouco menos que do conto.
Vaia, que, un pouco máis, e sería para sentir envexa delas e da súa situación!
Estamos a referirnos aquí a vítimas de violencia de xénero porque é o colectivo co que nos traballamos, pero ollo, isto sería aplicable a calquera persoa, home ou muller, en situación de vulnerabilidade, en risco de exclusión social, ou xa, por desgracia, mergullados nela.
Para o aluguer da vivenda, para emerxencias, Ingreso Mínimo Vital, Risga, bono social eléctrico e térmico... por mencionar tan so algunhas delas, porque o abano e amplo, e da a sensación, cando os nosos inefables políticos tentan convencernos das súas bondades, de que quen está a pasalo mal é porque lle da a real gana, porque para toda necesidade, sexa da clase que sexa, hai unha solución, facéndose isto especialmente evidente, como está a suceder actualmente, nas campañas de cara a unhas eleccións.
Do que nunca nos falan nin eses políticos nin desde as institucións é desa letra pequena que, cando un está desesperado , nin nela se repara, nin das incontables dificultades para acadar algunha desas axudas, así como dos numerosos requisitos, algúns deles totalmente insalvables, que provocan que, nunha gran maioría dos casos, os potenciais beneficiarios destas axudas acaben por desistir de tentar acadalas ou, de ter o tesón e as posibilidades para insistir, comproben, impotentes, que, para cando chegue xa non a axuda, se non unha resposta, xa pouco ou nada lles van remediar, ou que, e isto é o máis frecuente, as súas solicitudes sexan rexeitadas.
Todo isto despois de meses ou mesmo anos nas que aquelo de que o que espera, desespera, se converte, en moitos casos, como poden ser, reiteramos, os das vítimas de violencia machista, nunha tráxica realidade con fatais consecuencias.
Non imos debullar aquí todas os atrancos cos que se atopan, porque non nos chegarían nin o espazo nin o tempo, pero imos mencionar algúns dos máis comúns e que, en Si, hai saída vivimos cada día, pero dos que, polo que semella, desde os despachos, ninguén se decata, nin se queren decatar.
É o que ten non saír da zona de confort, e non mesturarse cos implicados, interesarse polas súas necesidades e dificultades reais, que se cumpre a perfección aquelo de que, do que, do que non se fala, non existe.
Para comezar, temos ese insufrible traxecto burocrático que, unha vez comezado, semella non rematar nunca, e eso no mellor dos casos, xa que hai quen non se pode permitir nin iniciar os trámites, ben por descoñecemento, ou ben por non dispoñer das ferramentas precisas para facelo, nunha época na que xa soamente nos falta respirar "on line", sen ter en conta que quen non ten, por exemplo, recursos para pagar a factura da luz, menos os vai ter para dispoñer dun ordenador, nin fibra no seu domicilio.
Como moito dispoñen dun móvil, do que, obviamente, fan uso tan so para o imprescindible.
Se a axuda solicitada é para o aluguer dunha vivenda, un dos requisitos é que o solicitante non dispoña de ningunha outra en propiedade ou usufruto, algo que a primeira vista semella lóxico pero que fai que, e isto é máis que frecuente,si a persoa demandante herdara, por exemplo, un sinxelo pendello onde Cristo, con perdón da expresión, pegou as tres voces, ou un piso que non está en absoluto en condicións de ser habitado, nin a persoa ten, obviamente, os recursos precisos para acondicionalo, o cal é aínda peor que non ter nada, a súa petición será automáticamente desestimada.
A destacar, así mesmo, que no caso de que esta axuda lles sexa concedida, o seu importe lle será directamente abonado ao propietario da vivenda, o cal é un elemento máis que disuasorio para que estas persoas poidan acceder a ningunha, xa que o caseiro, malia que alegue outros motivos, vai dar por sentado que, no caso de que esta axuda lle sexa retirada ao seu potencial inquilino, vai deixar de pagar.
Dito doutro xeito, a "axuda" en cuestión acaba por converterse nun dardo envelenado, pero, xa se sabe, neste país noso, as persoas vulnerables son tratadas case coma delincuentes, e hai que atalas curto, estigmatizalas, e asegurarse de que non levanten cabeza, sen contemplar ningún outro xeito de xustificar eses pagos.
ademais, de facelo, non se coñecería o "altruísmo" da institución pertinente, e eso non se pode consentir baixo ningún concepto, faltaría máis!.
En canto ao bono eléctrico e térmico, para poder solicitalo é condición imprescindible non ter ningún tipo de débeda con ningunha empresa subministradora, algo máis que improbable... por algo se está solicitando, non si?
De feito, e para resumir, para optar a calquera tipo de axuda, é condición si ne qua non non ter ningunha débeda con institucións, organismos, empresas de subministracións, etc, etc, etc., algo totalmente impensable en persoas con este perfil de vulnerabilidade, como é lóxico e natural, co cal a esas axudas nunca, e repetimos, nunca, lles van ser concedidas, provocando que entren nun bucle do cal non van poder saír, xa que esas débedas van seguir aumentando de día en día, negándolles toda posibilidade, por pequena que esta sexa, para tentar saír delas, ata que chegan a carecer do máis necesario, mentres os "filántropos" institucionais e políticos se gaban do que están a facer por todos e todas elas.
É máis, no improbable caso de que algunha desas axudas lles sexa concedidas, e isto si que é máis frecuente nas vítimas de violencia de xénero que convivían coas súas parellas e sufrían violencia económica, polo que non dispoñen de conta bancaria ao seu nome, cando tentan abrir unha para domiciliar esa axuda, son rexeitadas nunha entidade tras outra, xa que non son "clientas interesantes", algo de dubidosa legalidade, pero que, por desgraza, dado, por unha banda, o precario estado emocional destas mulleres, que non se atopan con forzas para iniciar máis batallas, e, pola outra, a estendida crenza de que contra os "xigantes bancarios" non se pode loitar, lles garante a impunidade ante os atroces abusos que cometen.
Esta é, resumida, a realidade das "axudas" ou, como moitos "cidadáns de ben" deron en chamalas amosando unha total falta de respecto a aqueles que dependerían delas para sobrevivir, "paguitas".
Que mágoa, e a eles me dirixo agora, non poder optar a elas, non si?