Era un vello cedro do Líbano, unha árbore singular que sempre o lembramos aí como un vello amigo facéndonos compañía con sombra no verán e protexéndonos da choiva no inverno. Refuxio dos paxaros que facían o niño nas ramas.
Como a todos un día chegoulle o seu fin. Pero pola maxia dun artista da madeira, Santi Castro, renaceu como un trasgo riseiro que quere ser como Van Gogh.
E alí no lugar máis adecuado no xardín da facultade de Belas Artes, cos brazos abertos e o sorriso nos beizos, co pincel na man, en compañía do violinista Quiroga e o pintor Díaz Pardo, dálle a benvida a estudantes e veciños e déixase retratar coma se fose unha estrela.
É boa idea darlle unha segunda vida ás árbores que coñecemos e sempre estiveron ao noso lado facéndonos compañía.
Na infancia era o noso refuxio e queriamos como os paxaros vivir nas súas ramas. Abrazámonos e marcamos un corazón no seu toco no tempo de namorar.
Vemos como cambian de cor nas estacións do ano. As árbores nas cidades achégannos á natureza, rexeneran o aire, embelecen barrios e rúas e son imprescindibles para mellorar a nosa calidade de vida. Algúns merecen unha segunda vida para non esquecelos.
Pola nosa cidade sempre andaron Trasgos aínda que nós non os vexamos, só deixábanse ver polo debuxante Agustín Portela a quen lle contaba historias e debuxábaas.
Hai unha lenda negra que di que foron eles os que puxeron unha industria contaminante na ría, que taparon o tramo urbano do Gafos, que levaron as galiñas do monumento do Mercado, que lle roubaron o bastón a Valle Inclán, que arrincaron o Laranxo que nomea a rúa, que perderon unha fonte de ferro de Sesmeros, cambiaron a estatua de Ravachol, que botaron aos estorniños do Magnolio da casa de Muruáis, etc.
Como dicía a miña avoa: Deus nos de a quen poder botar as culpas!
Os Trasgos, contábanos Portela, son seres entrañables que andan entre nós facéndonos a vida máis feliz.
Parabéns a Santi Castro por acordarse deles e ter a sensibilidade de dedicarllo a Gerardo un amigo que non esta entre nós.
Antón Roel Villanueva