Caen as follas das árbores paseniñamente, como se acordasen un suicidio colectivo. Arremoiñanse nunha alfombra de cores no chan, bailando ao son do vento unha danza chea de poesia que traen as choivas e ventos do inverno. Nas fragas piñeirais e carballeiras, o chan cúbrese cunha alfombra chea do cromatismo de cores dos abondosos froitos do inverno, landras dos carballos, ourizos dos castiñeiros, noces dos nogais e acubíllanse os cogomelos. A fartura da terra con que nos agasallan os nosos montes do que soio nos lembramos cando os queiman polo verán. Axiña agromarán os acivros co froito dunhas boliñas vermellas que brilan na brancura arredor das folerpas de neve e enchen de cor a tristura da invernia cando o ceo tóldase do gris de buque de guerra.
É o tempo que a Praza da Ferraria feita de pedra e camelia se converte nun mar de xirasois no mescado das flores de defuntos,o ar énchese co recendo das castañas asadas e ben quentiñas que dan quentura as mans na friaxe. É o tempo cos cemiterios deixan a soidade de todo o ano e enchense de balbordo e flores. Nas encrucilladas dos camiños e nas beiras dos ríos, as caveiras feitas de calacús enchen de medo ao atopalas na noite dos defuntos unha tradición nosa que se perde no tempo.
No silencio e a mornura cando paseamos polos nosos montes, de súpeto escóitanse uns ruídos como laios cando o vento abanea os piñeirais. Lembrábao Eduardo Pondal no poema Queixume dos Pinos. Na nosa cidade na Praza de España houbo unha caseta de Informacion e Turismo e para embelecela puxeron ao seu carón un maceteiro cunha Oliveira xa non esta a caseta pero a oliveira permanece no maceteiro que, ao meu entender non é o sitio axeitado. A árbore medrou e xa vai velliña e quere que a trasplanten a un xardin ou parque onde teña máis espazo, pois agora se sente preso como nunha gaiola nun espazo pequeno onde non pode desarollarse. Os veciños e veciñas que o sentiron laiarse como os piñeiros do poema de Pondal abaneados polo vento, acudiron na súa axuda e puxeron ao seu carón un escrito onde piden o seu trasplante antes de que sexa tarde e murche o que seria unha mágoa pois non hai moitas oliveiras na cidade .
Os nosos vellos dinnos cas árbores para que medren sans hai que plantalos con agarimo, tratalos con ternura, podalos cando é o tempo e buscarlles un lugar axeitado as súas condicións, a razón de que na nosa terra houbera tantas árbores senlleiras era que os nosos antergos así o facían. A vella oliveira non e unha planta nin un bonsai para tela engaiolada nun maceteiro; aínda estamos a tempo de salvala.