Oxalá volvamos todas

21 de julio 2025

Cando xa acabamos de pasar o ecuador do mes de Xullo, e con el a segunda operación saída do verán, e imos cara a Agosto, un mes practicamente inhábil a todos os efectos, no que a violencia machista atinxe, desexar,pregar para que en Setembro volvamos todas é canto podemos facer, xa que a nivel institucional estamos a ver o que podemos agardar. Absolutamente nada, algo que xa non é novo, pero que cada vez se evidencia dun xeito mais descarado, mais cruel, pero mais normalizado.

 

Lembramos, por se a alguén lle interesa o dato: 22 mulleres asasinadas no que levamos deste ano 2025, 5 delas na última semana do pasado mes de Xuño, para ser exactos en menos de 48 horas, ademais de 3 menores vítimas de violencia vicaria.

 

Non en todos estes tráxicos casos, os representantes das institucións, despois do pousado de rigor nos hipócritas e inútiles minutos de silencio puideron recitar ese "mantra tranquilizaconciencias" que tan ben se lles, de "Non había denuncias previas", porque en moitos deles si as había, así como medidas de protección que, obviamente, de nada serviron.

 

Tampouco as contornas das vítimas era allea ao inferno que as mulleres asasinadas estaban a vivir, pero todo o mundo calou, preferiu ollar a outro lado, sen que isto lles trouxera ningunha consecuencia, porque a violencia de xénero é fariña doutro costal, algo que xa está mais que normalizado.

O silencio cómplice é algo tácitamente aceptado, tolerado e mesmo aplaudido en moitos casos.

 

Abondo teñen, ademais, tanto a sociedade como as Institucións, con pronunciarse, sen coñecer nin de lonxe a verdade, e tomándose atribucións que soamente lles corresponden a xustiza,cando a presunta vítima é unha famosa, aspirante a selo, ou unha "vella gloria" que é quen de vender mesmo a alma con tal de volver a ocupar as páxinas do papel "couché" ou os espazos nos platós que outrora acapararon, e nos que foron substituídas polas novas xeracións.

Aí si que a sociedade reacciona, e tamén as institucións, saíndo a palestra a apoiar ou condenar sen reservas o que, polo visto, viviron de primeira man, sexa ou non verdade, prexudiquen ou non os procedementos xudiciais ou vías de investigación, tanto ten, algo moi grave sobre todo no segundo caso, no das institucións, que deberían dar exemplo de obxectividade, pero que abondo teñen con mirar de preservar os seus intereses políticos e tamén, obviamente, económicos.

 

E a estes gravíisimos extremos foi preciso chegar, a esa dantesca concatenación de asasinatos machistas, a que lle chaman, seica, clúster, que neste país noso, outra cousa non, pero para eso das denominacións somos moi "mirados", que ser ineptos non ten por que implicar escaseza de léxico, para que a Sra. Ministra de Igualdade, dando mostras da súa xa probada capacidade resolutiva........Desculpade a pausa, é que estaba activando a ironía, se decidira a activar o Comité de Crise, no que, polo visto, chegaron, a estas alturas, a conclusións tan "brillantes" como que os períodos vacacionais son especialmente perigosos para as vítimas, que a súa vulnerabilidade económica e, porén, dependencia neste eido dos seus maltratadores lles impide tomar medidas para romper con eles, a maior vulnerabilidade das mulleres do rural.......etc, etc, etc, para, de seguido, apelar a contorna das vítimas, , a que lle pasan a pataca quente, para que dean a voz de alarma, algo moi razoable, si, e sen ofrecer, coma sempre, nin unha soa solución ou proposta real e efectiva.

 

Pero isto non é o peor.

O peor é que nese "sisudo" Comité non se tocou, ou, a lo menos, si se fixo non se mencionou, algo inconcebible, porque nesta España, mover un so dedo sen gabarse de telo feito é algo impensable, a mais que evidente desprotección das vítimas, especialmente nestas datas de lecer, os baleiros das comisarías, a falta total e absoluta de prevención.....disto, unha vez mais, nada se falou.

 

Non hai xeito de que se nos explique, a cantos traballamos día a día coas vítimas, por mais que o preguntemos e o esixamos, porque non se toma ningunha medida neste eido, cando o dano está mais que identificado.

 

A única medida real que se toma é intentar quitarnos do medio, para que ano tras ano deixemos de alertar esta letal realidade, e, en xeral, de amolar evidenciando eivas para as que, obviamente, non se quere atopar solucións, malia ter claro cales serían, pero son outros intereses os que priman.

 

No caso de Si, hai saída, son 11 anos os que o repetimos ata a saciedade, chegando mesmo, no ano 2022 a dirixirnos por escrito ao Ministro de Interior, Fernando G. Marlaska, sen que se tomara, a vista está, medidas de ningún tipo, porque é evidente que todo o que ten que ver coas FCSE é tema tabú, malia que custe vidas.

 

O que non faltou, por suposto, e como non podería ser menos, tras ese Comité de Crise, foi a foto de rigor da Ministra, moi sorrinte, faltaría mais, , con algunhas das integrantes dun deses "chiringuitos" afíns, dos que cobran ben por ser "solidarios", coma se viñeran de falar das tendencias de moda para a vindeira tempada, e non de vidas, ou mais ben de mortes, de mulleres e nenos,

 

É de supoñer que, para celebrar ese Comité, non escatimarían en gastos para que un catering digno da súa categoría lles servira un bo almorzo, e eso, queiramos ou non, sempre axuda a que os sorrisos afloren.

 

Así as cousas, e a vista da nula vontade para tentar acadar solucións para esta masacre de mulleres, de chamarlle as cousas polo seu nome, e de abordar a realidade dunha vez por todas e chegar a raíz do problema, reiteramos que o único que nos queda por facer é pregar para que, ao final do verán, volvamos todas.

 

Asociacion Si, hai saída