Patricia e o home do paraugas

15 de noviembre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Despois de recordar que no grupo había un neno (a cadela non fomos quen de mencionala) e  asegurar que o paraugas ía ser devolto, apareceu: un paraugas, nas mans dun home. Custou arrincarllo coma se fose un dente de ouro.

Eramos un grupo ben curioso: un neno, duas mulleres e unha cadela. 

A choiva, que en Galicia está faltando, apareceu de súpeto case o final da excursión. O coche non quedaba moi lonxe, pero a auga facía moi difícil baixar o traxecto que subíramos camiñando. Polo monte esvaráriamos e iríamos dar cos ósos no chan.  Sen paraugas, pola estrada, acabaríamos como pitos.
Así as cousas decidimos pedir axuda. O comedor interior estaba cheo de xente. Estaban a celebrar un bautizo. Dende fora vimos pasar a tarta, así que  case remataran. 

A miña amiga, a nai do neno, preguntou se alguén tiña sitio no seu coche para baixarnos ata o noso que aparcáramos preto da entrada. Ninguén tiña.
Preguntou entón ao personal do restaurante. Acababan de rematar a faena e ían sentar para xantar. Non podían baixarnos. Alguén tiña paraugas? Ninguén

Despois de recordar que no grupo había un neno (a cadela non fomos quen de mencionala) e  asegurar que o paraugas ía ser devolto, apareceu: un paraugas, nas mans dun home. Custou arrincarllo coma se fose un dente de ouro.

E así fomos, cun paraugas para catro que en boa lóxica foi para dous. Ata que chegamos preto dos coches que estaban aparcados na zona do restaurante e vimos un, a piques de saír cun só ocupante

Petei na ventá e preguntei:

-¿Levaríasnos ata o aparcamento que está máis abaixo?

 A resposta  saiu da boca da condutora sen titubeos, coma unha man tendida no aire:
- Pois claro, subide.- 
- A cadela tamén?- Preguntei eu, porque as veces poño as verbas onde teño o pensamento sen darlles tempo a pousar.- Pois claro, subide todos.-

Case teño que empuxar a miña amiga para que entrase no coche pois lle levou un tempo aterrar da sorpresa, tan cerca tiña a loita co home do paraugas.

E así baixamos: Nai e fillo atrás, e eu e máis a cadela ós meus pes, diante con Patricia que así se chamaba a rapaza que conducía. Pois iso era: unha rapaza duns vintepoucos, loura, sorrinte e faladeira, que fora, coma nós, visitar os muíños.

Xa relaxados case  todos, a cadela e neno aínda un pouco asustados, fomos  falando dos muíños, do fermoso da zona, da choiva que cae cando non se espera e do karma. Sobre todo falamos do karma. Do xeito no que as túas accións na vida,  teñen unha importancia e unha resposta acorde no cosmos, nalgún momento nalgún lugar. 

De que pode que só unha cousa faga unhas persoas diferentes doutras: a amabilidade. 

Patricia deixounos a carón do coche da miña amiga, despois de conducir uns dez minutos, co mesmo sorriso co que nos convidara a subir ó seu
Cando baixabamos, o neno, que estivera calado escoitando durante o traxecto, mirou a condutora e, sen que ninguén llo pedise, dixolle: "Grazas". 
A pouco que conservemos a memoria dese día, sempre vai aparecer Patricia, así, co seu nome e se algún día esquecemos o seu nome lembraremos a súa cara e o seu sorriso, a cor do pelo. E cando esquezamos iso, aínda lembraremos o que nos dixo, a sua amabilidade condensada nunha verba no tempo preciso: "Subide".

Do home do restaurante, só lembraremos que era un home. Un home máis, coma todos os homes que non fan a diferencia

Aínda que minto un pouco, porque do home olvidaremos todo menos unha cousa: o paraugas.  Moito me temo que o karma, axudándoo un pouco, vai deixar no paraugueiro da miña amiga por moito, moitisimo tempo. Mesmo pode que quede alí para sempre. 
Cando alguén o pida, irá de man en man, amparando a todo o que o necesite, menos a un

O seu antigo dono.