Pola Calendoria nas Brañas do Gafos

04 de febrero 2025
Actualizada: 05 de febrero

Neste ano, sen a compaña do compañeiro Amancio Castro, que era o faro que nos guiaba e poñía ao noso servizo todo o seu coñecemento sobre plantas, aves, paxaros e toda a bichería que vive na contorna do río

No amencer, pouco a pouco, a choiva paseniño foi amainando nunha mañá gris de inverno, chea de friaxe e vento que facía tremer as pólas das árbores nos vieiros enchoupados de auga, nas beiras do río dos Gafos. Íamos un fato de homes e mulleres no Día dos Humedais, pola Candeloria, cando, segundo a tradición, casan os paxariños, na visita anual ás Brañas do río dos Gafos, convocados pola asociación Vaipolorio.

Neste ano, sen a compaña do compañeiro Amancio Castro, que era o faro que nos guiaba e poñía ao noso servizo todo o seu coñecemento sobre plantas, aves, paxaros e toda a bichería que vive na contorna do río. Con el, sempre saïamos coñecendo unha planta nova, unha árbore, un paxaro ou un insecto. Cando nos deixou, murcharon os narcisos e as plantas, e os paxariños ficaron tristes, voando ao noso redor, buscando o seu compañeiro, que tanto os defendía.

Neste ano, a nosa guía é Silvia Giménez, que é flor que prantaron os de Vaipolorio e axiña agromou. Pode o compañeiro Amancio descansar tranquilo, pois a semente que deixou agromou, e con Silvia xa non estamos orfos de coñecementos. A carón dun vello carballo, Silvia explícanos a importancia que teñen para a natureza os humedais, en perigo polo cambio climático e tamén pola contaminación, cando, de súpeto, nos decatamos de que temos un membro máis. Na póla dunha árbore que tronchou polo temporal, un corvo mariño, seguramente facendo tempo para asistir á voda dunha parella de ferreiriños, atendía moi serio as explicacións de Silvia, sen perder detalle das nosas conversas.

Seguimos río abaixo coa banda sonora do rechouchío dos paxariños, contentos por ter compaña. Mágoa que non atopemos ningún peregrino polo mal estado do camiño, con árbores caídas que lles impiden o paso. Aínda atopamos narcisos de flor amarela que, na natureza, fan de frecha que guía os peregrinos camiño de Compostela, un paso alternativo moi concorrid⁠o. Cóntanos Silvia as lendas do río que tan ben recolleu e plasmou nun libro o escritor e historiador Calros Solla, o cronista do Gafos. Nun intre, alguén creu ver agochado detrás dun bidueiro ao Demo Asubiador, escoitando se Silvia falaba mal del ou contaba algo que non fora certo.

Rematamos a visita ao río agardando que se lle dea a importancia que se merece á conservación e coidado dos humedais e á súa relevancia para a natureza, pedíndolle a quen corresponda limpeza e retirada das árbores e restrollos que deixou o temporal e que impiden o paso ás xentes que queren desfrutar dun entorno como o das Brañas, que aínda, por sorte, permanecen virxes. O día anterior á visita, as xentes de Vaipolorio tiveron que retirar cun tractor dun veciño unha árbore que tapaba unha canle da ponte da Condesa e impedía o paso da auga.

As vodas dos paxaros neste ano estiveron moi concorridas, pois ata viñeron do Ártico unha parella de paxaros de alí: o mosquiteiro bilistado.