Pouco nos pasa

17 de diciembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

A noticia en cuestión era, nin máis nin menos, que a Srta. Jennifer Hermoso, famosa por ser, presuntamente, vítima de abuso sexual por parte de Luís Rubiales, ata ese momento presidente da Real Federación Española de Fútbol, cargo do que foi cesado precisamente debido a ese suposto abuso

 

Foi a noticia estrela da pasada semana, faltaría máis!.

 

A noticia en cuestión era, nin máis nin menos, que a Srta. Jennifer Hermoso, famosa por ser, presuntamente, vítima de abuso sexual por parte de Luís Rubiales, ata ese momento presidente da Real Federación Española de Fútbol, cargo do que foi cesado precisamente debido a ese suposto abuso, vai ser, xunto co sempiterno Ramón García e a unha cantante de moda, unha das encargadas de dar as badaladas de fin de ano na TV pública.

 

Non vou dicir que isto me sorprendeu moito, porque mentiría, sobre todo despois de tela visto xa en días precedentes sendo portada dalgunhas revistas de moda, entre outras, deixando cumprida mostra de que a súa presunta desgracia lle está a resultar algo máis que rendible, ademais de convertela nunha icona feminista, seica, desas que aquí, neste país noso de pandeireta, se nos da tan ben fabricar.

 

Como xa dixen no seu momento, non vou entrar a valorar o famoso bico que catapultou a Jenni Hermoso a categoría de líder, de referente feminista, como está tan de moda chamarlles agora a certas mulleres, algunhas das cales, efectivamente, poden ser consideradas como tales, e outras.....imos dicir que non tanto, e non polo seu bo facer como futbolista, que sería o seu, o cal é unha mágoa, pero,agora, despois de gardar o que creo que foi un prudente silencio, o que si vou dicir abertamente, e que nunca acabei de ver clara a historia desta señorita sinxelamente porque me remito aos feitos, ao que vin, o cal non quere dicir,por suposto, que dea por ben feito ese bico, nin que lle estea a dar a razón ao tal Rubiales ao que eu non coñecía de nada, e que é, polo que vexo, un peza para nota, pero unha cousa non ten que ver coa outra, e ao Cesar o que é do Cesar.

 

O bico en cuestión foi, non digo eu que non, improcedente, fora de lugar, e, eso si, unha mostra das actitudes de "Macho man" por parte de Rubiales, pero non creo que, en ningún momento, se poida cualificar de agresión sexual, o cal dito sexa de paso, creo que é un insulto e unha auténtica aldraxe as mulleres que realmente sufriron e están a sufrir este tipo de agresións.

 

En ningún momento vin, nese vídeo, a unha muller que se sentira violentada ou agredida, todo o contrario, como, para min, demostraron sobradamente os feitos posteriores, e si vin, pola contra, a alguén que, non vou dicir que lle gustara, que tampouco é eso, ela saberá, pero ao que non lle deu a menor importancia ata que se comezou a formar todo ese balbordo que veu a continuación, e que ela, moi habilmente, soubo aproveitar.

 

Pola contra, tomou o tema a risa no vestiario, e marchou de viaxe a divertirse coas súas compañeiras, mentres o resto do país daba mostras desa simpleza de criterio que xa hai moito que nos define, que nos fai ver o que se quere que vexamos,abonándolle o terreo para comezar a recadar.

 

E falo de simpleza de criterio porque é alucinante como practicamente todo un país afirma ter visto nun vídeo o que nunca sucedeu, ou, mellor dito, sucedeu, pero non exactamente do xeito, que se nos quixo facer ver.

 

Hai, creo, matices que non se tiveron en conta, porque non interesaba, por non mencionar que o tal Rubiales pode ser un sinvergonza, sen dúbida, pero non imbécil, e non ía a abusar de JennIfer Hermoso nin de ninguén tendo ao seu carón a mesmisima raíña de España, e a unha infanta.

 

Inoportuno, si, groseiro, tamén, pero, repito, imbécil, non.

 

Pero o peor do caso é como unha muller que di sentirse agredida está a utilizar esa suposta agresión, a súa presunta condición de vítima e está a facer un lucrativo negocio dela, frivolizando con algo tan doloroso.

 

Comentaba hai unhos días unha adolescente, medio en broma, medio en serio, que a ela non lle gusta estudar, pero que tampouco é algo que considere imprescindible, xa que abonda con, como ela mesma dixo "facer un Jennifer Hermoso", termo que, segundo me explicou, xa se puxo de moda, e, a partir de aí, aparecer nos medios, facerse famosa, e gañar cartos e máis cartos dun xeito fácil e que, aínda por riba, te leva a fama.

 

Absolutamente penoso, pero, desgraciadamente, é o que se lle está a ensinar a nosa mocidade fomentando ídolos deste calibre. E non soamente a mocidade, se non que é algo que tira por terra canto esforzo se está a facer para loitar contra a violencia sobre a muller.

Qué podemos agardar se son as propias "vítimas", que non as vítimas, as de verdade, ollo coa diferencia, as que fan negocio da súa presunta condición?

 

Por outra banda, como credes que se pode sentir unha muller, tantas mulleres, que realmente foron e están a ser agredidas vendo un espectáculo tan lamentable protagonizado por outra que tenta equiparar o que non foi máis que un episodio inapropiado, si, pero en ningún caso comparable ao calvario que elas viviron e que están a vivir?

 

E aínda vou máis alá, qué pasaría se, en lugar de Jenni Hermoso fora, por poñer un exemplo, a vítima da Manada, ou calquera outra muller anónima a que tiveran agredido sexualmente, por máis demostrados que estiveran os feitos e por máis evidente que fora a súa condición, a que aparecera facendo o mesmo, saíndo na Tv. dando as badaladas, ou sendo portada de revistas de moda?

 

Creo que non é preciso responder porque todos o sabemos máis que de sobra. Pero non remata aí este desatino, nin moito menos. Aos poucos días deste anuncio, novamente numerosos medios de comunicación sacaban a palestra o nome da xogadora, anunciando que o Financial Times a recoñece como unha das 25 mulleres máis influentes do planeta no 2023, pola súa loita contra o machismo e unha icona na defensa dos dereitos das mulleres, definíndoa, e cito textualmente, como "un faro de inspiración y empoderamiento para las mujeres de todo el mundo"... Definitivamente, estamos a perder o Norte de xeito irremediable.

 

Si que é un exemplo a Sra. Hermoso, si.

É un exemplo de falta de escrúpulos, comercializando a violencia sobre a muller,utilizándoa para beneficiarse dela, degradando o sufrimento de tantas e tantas mulleres, e outro tanto se pode dicir dos medios de comunicación que están a potenciar o seu deleznable comportamento, contribuíndo, entre todos, a restar credibilidade as auténticas vítimas, algo isto moi grave, máxime nun momento, como os que estamos a vivir, nos que a violencia de xénero non deixa de aumentar, algo ante o que non podemos por menos que manifestar o noso absoluto rexeitamento.

 

E mentres se sigan a permitir situacións coma esta, a transmitir mensaxes tan perigosos, soamente nos resta dicir que, dada a gravidade que isto implica, pouco nos pasa.

 

 

Asociación Si, hai saída.