Paseando co escritor Méndez Ferrín, o noso candidato a premio Nobel e tamén a pregoeiro das festas da Peregrina (cousas que non logrou aínda que para min é merecedor davondo), íame comentando que Pontevedra era unha cidade que lle encantaba, na que vivíu hai tempo, e que cada vez que pode lle encanta pasear por ela. Parámonos na Praza de Curros Enríquez e comentoume dunha anomalia que xa sabiamos, que en dita praza houbera un busto de Alexandre Bóveda e non do poeta ao que se lle adicaba, que el cría cos dous persoeiros eran merecedores dunha praza e dun busto; non como agora, que tiñan que compartir espazo.
Hai pouco lembreime da conversa con Ferrín ao ler que o concello vai crear unha nova praza na encrucillada das rúas Benito Corbal, Cobián Roffignac e Daniel de la Sota. Penso que sería doado que se trasladara o busto de Alexandre Bóveda á nova praza e porlle o nome do político e colocar un busto de Curros Enriquez na praza do seu nome, o que sería un acto de xustiza e máis acorde cos ilustres persoeiros. Hai un tramo pequeno da rúa Benito Corbal que vai dar á praza da Peregrina que se podería engadir á futura praza facendo un itinerario sentimental e histórico do político tan vencellado á cidade, pois a nova praza enlazaria ca de Ourense, a súa cidade natal. Hai que lembrar que nese espazo onde rematan as escaleiras da igrexa de San Francisco antaño xa se celebraba unha feira de sandías e produtos da horta.
As prioridades do Concello e da Deputación nestes intres teñen que ser axudar as xentes máis desfavorecidas e sen recursos, apoiar o pequeno comercio e hostaleria para tratar de paliar a crise que deixa a pandemia. Pero, para cando todo isto pase que ten que pasar (Malo Será), hai tres monumentos que - ao meu entender - faltan na nosa cidade. Un sería o de a nosa poeta nacional Rosalía de Castro diante da Audiencia na rúa que leva o seu nome; outro ás Leiteiras na entrada a rúa da Virxe do Camiño no cruce co Gorgullón e Eduardo Podal onde houbo unha caseta onde pagaban as taxas para poder vender o leite na cidade; e outro aos Fotografos do Paxariño, que se colocaban na alameda a carón do café Blanco e Negro. Seria un acto de xustiza e lembranza coa nosa historia.
Meus parabéns ao Concello por atender as demandas dos feirantes de poder vir ao centro a vender a sua mercadoría, pois o lugar onde estaban agora non era o máis axeitado. É moi triste o ter que erguerse ás catro da mañá, armar o posto con tarimas e toldos para a choivao e despois estar toda a mañá co frío e choiva sen vender nada porque a xente que vai ás ferias xa é de certa idade e quédalles moi lonxe e por aquela zona non pasa ninguén. A rúa Raíña Vitoria, a Alameda ou Campolongo, onde xa estiveron alguha vez, penso que son máis axeitados. Nestes tempos de crise hai que facer todo o que se poida por apoiar as xentes que só queren traballar con honradez para poder comer e crear riqueza, todos temos que apoialos mercando nas tendas e comercios de proximidade. Ánimo e afouteza que desta saímos, como no anuncio de Gadis. Este virus non vai poder con nós.