Veño de ler a carta que me enviaches hai uns días polos medios de comunicación. Aínda que non o fas explícito, dedúcese do seu inicio que tes un certo desprezo polos traballadores e traballadoras das empresas públicas; direite en primeiro lugar que conseguín a miña condición de funcionario simplemente porque, despois de estudar a miña carreira universitaria e de facer a miña tese de doutoramento, aprobei unha oposición á escala científica do CSIC con praza na Misión Biolóxica de Galicia e que, neste camiño, ninguén me agasallou nada.
E parece que pos en cuestión tamén a miña condición de presidente da APDR, un cargo que desempeño de forma desinteresada por desexo dos socios e socias (varios centos na actualidade) que, supoño, concordan no xeito de desenvolver as miñas funcións ao fronte da asociación, unha asociación que loita por recuperar a Ría para a que é a súa vocación natural, a explotación racional dos seus recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos; polo dereito ao lecer, á paisaxe e a unha mellor calidade de vida e saúde das persoas, uns obxectivos -todos eles- incompatíbeis coa presenza de ENCE e ELNOSA en Lourizán. Non agardes de min que poña en dúbida os méritos que poidas ter para ocupar tanto tempo como dis un posto no comité de empresa de ELNOSA nin que te negue o dereito a defender os postos de traballo na empresa. Direite, iso si, que unha cousa é a defensa do dereito a traballar e outra moi distinta a defensa da empresa; que errades cando elixides os vosos inimigos, que non somos nós nin o Concello; que o inimigo tédelo dentro da casa, son os mesmos directivos que -perdoa que cho diga deste xeito- están a utilizarvos como "cans de presa" na defensa dos seus intereses!
Porque ELNOSA sabía que tería que abandonar o seu emprazamento no 2018, comprometeuse coa Xunta a buscar dous emprazamentos alternativos e a abandonar Lourizán no 2014, e non cumpriu ningún dos acordos; e debes saber cal é a diferencia entre unha concesión en dominio público (cun límite razoábel de tempo e cunha caducidade) e unha propiedade privada, que é no que quere converter ELNOSA (coa axuda do PP) a súa concesión administrativa nuns terreos que pertencen ao conxunto da cidadanía.
Pero, entrarei xa no que supoño era o principal obxectivo da túa carta. Insisto en dicir que existen riscos evidentes de contaminación do medio e para a saúde dos traballadores durante o proceso de desmantelamento da liña de electrólise actualmente en uso na fábrica, como existen tamén na fase de descontaminación dos solos e augas soterradas. Así se deduce da simple lectura dos documentos presentados pola empresa para a solicitude da revisión da AAI, uns documentos cheos de imprecisións, contradicións e faltos do máis mínimo rigor en moitos aspectos (así o fixemos ver nas nosas alegacións). E aínda que é certo que non coñezo moitas empresas dedicadas ao desmantelamento destas infraestruturas, iso non invalida que propoña que as leve adiante unha empresa especializada; de feito, ELNOSA no "Plan de desmantelamiento" (no 3º parágrafo da páxina 29) non desbota a posibilidade de contratar unha delas para estas tarefas.
Por certo, dis con toda normalidade que "ELNOSA fixo público a través da Xunta o seu plan de desmantelamento"; non me estraña que o digas, xa que a Xunta ten actuado en multitude de ocasións como portavoz ou mensaxeiro de ENCE e ELNOSA, pero a realidade é que ELNOSA ten presentado este documento -e outros dous- á Xunta, para tramitar o cambio de tecnoloxía.
E pretendes darme leccións de algo que -polo que se ve- descoñeces! Para rebater a miña posición contraria a que se faga o desmantelamento da actual liña de electrólise ao tempo que se fabrica hipoclorito sódico, afirmas que "cando se fabrique hipoclorito, xa non haberá mercurio en ELNOSA"; pois ben, abonda con ler o 3º parágrafo da páxina 15 do "Proyecto para la revisión de la Autorización Ambiental Integrada" presentado por ELNOSA, para ver quen ten razón; dise alí, "de forma paralela a la producción de hipoclorito sódico, se llevará a cabo el Plan de Desmantelamiento de la sección de electrólisis con tecnología de mercurio". Sen comentarios!
E aínda que ten pouca importancia, sorpréndeme que digas que o mercurio vai ser remitido a un xestor de residuos en Suiza, porque a propia ELNOSA afirma (cadro das páxinas 53 e 54 do "Plan de Desmantelamiento") que non se pode determinar o xestor do mercurio ata o "inicio de las labores de desmantelamiento".
Xa por último, debes saber que nunca me teño negado a escoitar a ninguén que tivese algo que dicir; iso si, con argumentos documentados e datos oficiais sobre a mesa!
Un saúdo