O Polígono de Tiro Naval Janer foi una infraestrutura militar que funcionou en Marín desde 1920 a 1943. Mais o seu nacemento xerou controversia e enfrontamentos na sociedade marinense dado que as tres sociedades mariñeiras do momento demostraron o seu rexeitamento á situación deste centro naval polos problemas que ocasionaría á pesca na ría.
Aínda así contou co apoio das clases mediano-burguesas, é dicir dos comerciantes, armadores e do Liceo-Casino, que ollaron para ela como unha fonte de ingresos importante, a pesar dos prexuízos aos mariñeiros e as súas familias. Unha proba palpábel deste posicionamento burgués foi a manifestación a prol do Polígono que se celebrou en Marín o 24 de xuño de 1921 e que contou coa presenza de só 300 veciños. En 1928 estas mesmas entes organizarían no mes de marzo unha homenaxe ao Director do Polígono, Salvador Moreno, mais sen o apoio das organizacións mariñeiras e obreiras.
Evidentemente as relacións que tiña o Polígono cunha parte importante da sociedade de Marín non eran boas. Despois de proclamarse a República, en abril de 1931, Salvador Moreno é destituído como Director e o pleno consistorial aprobaba unha moción apoiando esta medida e como ben recolle a acta municipal a "satifacción que o povo de Marín experimentou coa devandita destitución". Mesmo sería apoiada polos dous concelleiros presentes de ideoloxía monárquica-conservadora. Ese ano pasa a denominarse Escola de Artillaría e Tiro Naval.
Esta base naval vai entrar na historia máis negra do concello no século XX. En 1936 participa de forma activa no golpe de estado contra o réxime democrático da 2ª República Española e contra un goberno elixido polo povo 4 meses antes. Ademais, vai xogar un papel importante na represión. Por estes motivos, en febreiro de 1937, nos momentos máis sanguinarios, se lle dedicou unha rúa pola contribución prestada no "glorioso movemento nacional". Isto fíxose por uns concelleiros postos a dedos polos militares sublevados e unhas semanas despois de que varios veciños de Marín foran pasados polas armas perante un pelotón de fusilamento, entre eles o alcalde democrático Antonio Blanco Solla, detido e destituído polo director do Polígono de Tiro e militar golpista Francisco Bastarreche.
Desde logo se pode falar moito do Polígono e mesmo con algúns claros. Mais non era, por moito que insistan algúns, unha institución querida por todos e todas en Marín e do mesmo xeito merecente do nome dunha rúa. A Lei da Memoria Histórica tamén o acredita.
CELSO MILLEIRO SÁNCHEZ, Investigador da Historia de Marín.