Señoras e señores políticos, acaso todo vale?

12 de febrero 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

O pasado sábado confirmábase, por desgraza, o peor dos presaxios, non por intuído menos doloroso, o da morte de Esther López, desaparecida case un mes antes en Traspinedo, onde vivía, co achado do seu cadáverspandejavu>

O pasado sábado confirmábase, por desgraza, o peor dos presaxios, non por intuído menos doloroso, o da morte de Esther López, desaparecida case un mes antes en Traspinedo, onde vivía, co achado do seu cadáver.

 

Unha semana despois, cando estou a escribir estas liñas, aínda se descoñecen as causas do seu falecemento, e son varias as hipóteses que os encargados de investigar o caso están a barallar, estando este baixo segredo de sumario.

 

Desde o primeiro momento, pediron que se evitasen elucubracións, que, ademais de facer moito dano, entorpecen, que dúbida cabe, o seu traballo, algo que reiteraba a Directora Xeral da Garda Civil, recordando que se precisa tempo e toda a discreción posible para levar a cabo o esclarecemento do caso, e que existen máis elementos que a autopsia, que se estaba a realizar, a ter en conta.

 

Por outra banda, o pai de Esther, despois de agradecer o apoio recibido, pregaba que se deixara a familia vivir a súa dor de xeito privado, na intimidade, algo que é perfectamente comprensible.

 

Pois ben, malia todo isto, desde a mañá do Domingo, cando apenas dera tempo a pouco máis que ao levantamento do cadáver de Esther, comezou, por parte dalgúns dos nosos políticos, eses políticos que se supón, deberían ser o exemplo máis visible desa prudencia, desa discreción máis elementais que se están a pedir, pero aos que supera o afán de notoriedade, a ambición, a ansia de poder, amosando unha total falta de sensibilidade, dunha ética como mínimo cuestionable, e sempre a procura de votos nunha eterna campaña, emprenderon unha abominable carreira de fondo para facerse notar, para lanzar as súas mensaxes que, deixan, iso si, en evidencia, como son realmente, a golpe de tweet, como xa nos teñen acostumados, sempre e cando se trate dun caso que acada sona mediática, que quede claro, xa que do contrario non lles interesa en absoluto, dando por sentado, porque así o decidiron eles, que se ve que son moi listos e saben máis que os expertos, que se trataba dun asasinato machista, algo que, reitero, aínda se descoñece.

 

Primeiro foi a Delegada de Violencia de Xénero, Victoria Rosell, que, como xa sabemos, é, xunto coa propia ministra, unha virtuosa dos tweets, quen, despois de confirmar rotundamente que se trataba dunha morte violenta, porque así o decidiu ela, polo visto, que é máis lista que os expertos, pedía, xa é o colmo! respecto para as persoas queridas de Esther e para a investigación, para a continuación, recordarnos que debemos de evitar elucubracións, que poden causar dano.

 

De que respecto nos fala, Sra. Rosell, do que está a amosar Vd.? E no que atinxe as elucubracións, é verdade que Vd. non as fai, Vd. vai máis alá e afirma temerariamente.

Todo un exemplo a seguir, non si? Moi propio, ademais, do cargo que desempeña.

Nada novo, por outra banda, as cousas como son.

 

Despois tocoulle a quenda a Pablo Casado, o líder da oposición, que, entre outras cousas, reivindicaba a prisión permanente revisable, que, e cito textualmente "quería derogar la izquierda, para evitar que reincidan estos salvajes".

 

De quen está a falar, Sr. Casado? Prisión para quen? E que é Vd. vidente, e xa sabe quen foi o culpable ou culpables da morte de Esther, dando por sentado que existan, e indo por diante dos expertos que están a levar a cabo a investigación?.

 

Por certo, lembra Vd. cando, referíndose á protección que precisan as vítimas de violencia de xénero e que, en demasiadas ocasións, non se lles dá, manifestaba, e de novo cito textualmente: "¿Qué hacemos, las escoltamos por la calle?".

Que enorme sensibilidade a súa, Sr. Casado, que empatía coas vítimas....! Non sei que farían estas mulleres se non fose por Vd., pola súa loita contra a violencia machista!

 

E, como broche de ouro, non podía faltar o mesmísimo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que, polo que se ve, tamén dispón de información privilexiada, e afirmaba que os autores do asasinato "acabarán donde tienen que acabar", asegurando que a morte de Esther "no quedará impune".

 

Acabamos de comezar o ano, apenas transcorreron dous meses, e xa contabilizamos tres vítimas mortais da violencia machista, entre elas unha adolescente de tan só 17 anos, e este é o desolador panorama que temos, cun goberno que fica impasible, ignorando e pretendendo que ignoremos, absorbidos pola súa palabrería barata, que promete moito, pero que non se traduce en feitos, a realidade máis que evidente de que, desde que chegaron ao poder, a violencia de xénero medra e medra.

 

Un goberno que deixa claro que a súa ansia de poder é tal, que xa non se toman a molestia nin de tentar disimular que todo aquelo que non sexa acadalo lles trae sen coidado.

 

Por non molestarse, neste tráxico caso, nin sequera o fixeron para redactar unhas mensaxes un pouco ambiguas, que deixaran a porta aberta as diferentes causas que puideron provocar a morte de Esther.

Para que? É tal o seu descaro, que se amosan así, abertamente, tomándonos a todos por imbéciles.

E isto tendo en conta que se supón que contan con asesores para este tipo de cuestións, pero que, polo que se ve, comparten sensibilidade cos seus respectivos xefes.

E aínda teñen a ousadía de pedir respecto!

Piden respecto cando eles mesmos non dubidan en utilizar non soamente a morte dunha muller, coma a de Esther neste caso, se non todo o relacionado coa violencia de xénero, coas súas vítimas, coma se fose un espectáculo mediático mais deses nos que tanto lles gusta participar e aos que tanto rendemento lle sacan.

 

Hai meses, case un ano, cando unha famosa decidiu facer pública a súa presunta condición de vítima de malos tratos, utilizando como plataforma a canle de Tv. máis abominable e de contido mais machista que existe, abrindo así o camiño, ademais de para un show en torno a violencia de xénero absolutamente deplorable e intolerable, para un negocio algo máis que lucrativo para ela e todo o seu clan, estando isto, a estas alturas, máis que demostrado, independentemente de que a súa historia sexa ou non certa, e os membros do goberno non dubidaron non soamente en apoialo, se non en fomentalo, algo que seguen a facer, algúns dos que tentamos poñer o noso graniño de area na loita real contra a violencia machista non dábamos creto. Non podía ser certo.

 

A día de hoxe temos claro que nos equivocamos, porque realmente estaban, están, no lugar que lles corresponde: No do espectáculo, no que todo vale, xa que, a vista das súas actuacións, todo vale, non si, señoras e señores políticos?.

E que me desculpen os que non pensen nin actúen deste xeito, porque, agardamos e desexamos, algún haberá, malia que non se desmarquen dos seus respectivos líderes, mais é demoledor ver como as figuras máis representativas son unha pura mentira, a mostra máis evidente da falta de escrúpulos.

 

O peor de todo, o máis tráxico, é que demasiadas vidas de mulleres, de nenas e nenos, están nas súas mans.

 

Asociación Si, hai saída