O sistema, o "lavadoiro" de conciencias

11 de mayo 2025

De nena, e ata que fun unha adolescente, estudei no colexio de monxas, e lembro como cando tocaba a clase de relixión, había un concepto que se manexaba practicamente para todo e que era algo así como o epicentro das condutas, da conciencia, do que se facía ben, do que se facía mal, o que digo, practicamente de todo: a alma. En torno á alma xiraba todo. Había quen a tiña, quen, nos dicían, carecía dela, e había que compadecelo e rezar por el, ou por ela. Había almas negras, almas brancas... e, o máis importante de todo: a obriga de todas e cada unha de nós de que as nosas ficasen limpas, impolutas, libres de todo pecado, durante toda a nosa vida.

Naturalmente, todas diciamos que si, pero, no noso interior, non podiamos evitar facernos unha pregunta, que tan só algunha ousada se atrevía a verbalizar moi de cando en vez, porque, xa sabedes, alá polos 70, nada se cuestionaba, e menos aínda se a "parte contraria" vestía hábito, pero sempre había algunha "kamikaze" que lanzaba a gran pregunta. "Que é exactamente a alma, onde a temos, pegada ao corazón, do lado esquerdo, do dereito, doe, non doe, como sabemos se a temos limpa, podemos vela, sentila, percibila...?", e, a máis importante de todas, "Que lle pasa a quen non a ten, nota dor, morre...?".

Naturalmente, como xa podedes imaxinar, as respostas, concretas, o que se di concretas, non eran, e menos aínda clarificadoras. "Non é algo material", "Non se pode ver, é algo intanxible". "Non, non doe, pero aqueles que non a teñen, co tempo sofren moito"... Todo clarísimo, vaia! E, acto seguido viña a pregunta do millón: "Entendedes?", que, naturalmente, se respondía do xeito adecuado, cun "Si, madre...", malia que fora con cara de parvas, porque, obviamente, non entendiamos absolutamente nada.

Por que me veu todo isto que vos estou a contar á memoria? Pois por algo moi sinxelo. Porque eu atopo un símil, moito máis terreal, evidentemente, que é "o sistema", algo que se fai especialmente patente no eido da violencia de xénero, da violencia vicaria, que semella que os "expertos" e "expertas" acaban de descubrir que existe, no da saúde mental, e, en xeral, en todos aqueles que atinxen as persoas ou colectivos máis vulnerables.

Que unha vítima de violencia machista é asasinada malia ter unhas concedidas unhas medidas de protección que, obviamente, non se levaron a cabo? Fallou o sistema. Que un neno ou unha nena é asasinado polo seu proxenitor, malia existir claras sinais de violencia vicaria desde moito tempo antes? Fallou o sistema. Que despois de moito tempo de ser vítima de bullying un menor decide rematar coa súa vida? Fallou o sistema. Que unha persoa con claros síntomas de depresión, de ansiedade, de angustia, acaba por suicidarse? Fallou o sistema.

Pero, a diferenza da alma, o sistema non é algo intanxible, nin etéreo, nin tampouco nada que non teña solución, nin que non sexa susceptible de ser cambiado, xa que está feito por seres humanos, suponse, porque, a verdade é que, ás veces, é para dubidalo.

Outra cousa é que se teña quedado obsoleto, que non teña evolucionado ao ritmo que o fixo e o segue a facer a problemática social, ou que non interese facelo, precisamente por iso, por intereses, porque resulta moito máis cómodo deixalo como está, ou porque, de facelo, sinalaría a moitos e a moitas, e iso non se pode permitir, non si?

Porque, vexamos, se unha muller vítima de violencia machista, cunhas medidas de protección concedidas, e uns profesionais designados para facelo, é asasinada, a culpa non é do sistema, senón de Xosé, Antonio, María... ou como se chamen os "profesionais" en cuestión, e se non pagan pola súa imperdoable neglixencia, e mesmo se contribúe a tapala e silenciala, os culpables son os seus superiores, e non "o sistema".

Se un menor é asasinado polo seu proxenitor, malia que en moitas ocasións as nais, ante as evidentes sinais de alarma, non dubidan en denuncialas, sen ser escoitadas, a culpa non é do sistema, é de quen a cuestionou, de quen non a escoitou, de quen tal vez a tratou pouco menos que de tola, de resentida, de querer afastar o neno ou a nena do seu pai.

O culpable ou culpables teñen nomes e apelidos, o mesmo que os seus superiores, que axudan a encubrilos, e que non dubidan en lucirse nas fotos dos minutos de silencio polas vidas que puideron salvar sen mover nin un só dedo para facelo. Non foi o sistema.

Se un menor ou unha menor se quita a vida por estar sufrindo bullying, e despois de que, por parte da familia, isto se lle traslade ao centro de ensino sen que se adopte ningunha medida, o sistema non é o culpable, senón os responsables dese centro.

E poderíamos seguir poñendo exemplo tras exemplo.

O sistema é mellorable, por suposto que si, e moito, ademais, pero non funciona por si só, nin é un ente con vida propia.

Está rexido por homes e mulleres, que moven os fíos e que poderían, obviamente, axudar a que mudase e a reparar esas eivas que non son insalvables, nin moito menos. De feito, é cuestión de vontade, pero, e isto é o peor, e a nai do año, tamén cuestión de intereses, e todos sabemos que estes son os que mandan.

Para resumir, o conto do sistema que nos queren vender xa está moi gastado, xa non convence a ninguén, por máis que se repita o contrario.

O sistema é, ademais dun gran negocio, un negocio que, en demasiadas ocasións se cobra mesmo vidas, e precisamente por iso, porque non hai xustificación posible, un deleznable lavadoiro de conciencias para todos aqueles e aquelas que, podendo traballar para axudar a mudalo, non o fan.

Asociación Si, hai saída