Hai unha idade na que un decide, coa solemnidade ridícula dos quince anos, que o mundo non ten nada que ofrecerlle. Eu crucei esa idade como quen cruza un corredor a escuras: a tentas, dándome golpes, convencido de que calquera porta aberta era unha trampa. Foi neses anos, no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, onde catro persoas cometeron a imprudencia de non se renderen comigo.
Non vou finxir obxectividade. Este texto é, de principio a fin, un acto de parcialidade absoluta. A opinión, quen a queira imparcial, que a busque noutro sitio.
Esther Facal ensinoume que a literatura non é un adorno para xente con tempo libre, senón unha forma de resistencia coa que se pode sobrevivir aos propios dezaseis anos. Xosé Janeiro demostroume, sen case erguer a voz, que o galego non era a lingua das notas ao marxe, senón a lingua na que tamén cabía pensar en serio, dubidar en serio, existir en serio. Anxo González Guerra abriu unha fiestra á arte que eu non sabía que necesitaba abrir, e por ela entrou, sen pedir permiso, a idea de que mirar tamén é un oficio. Pilar Fernández fixo algo máis difícil ca ensinar: quedou. Cando eu xa asinara a miña propia sentenza de irrelevancia, ela negouse a dala por boa.
Lembro unha tarde concreta, non sei se exacta nos detalles pero si no tremor: Esther Facal lendo en voz alta un poema que a min me pareceu, naquel momento, escrito expresamente para me sacar de onde estaba. Non fixo ningún xesto grandilocuente, non subliñou a lectura con ningunha pausa dramática. Simplemente leu, e algo se moveu. Lembro tamén a Xosé Janeiro lendo con atención un poema meu cunha letra pequena e esixente, sen unha soa concesión, tratándome -por primeira vez- coma se as miñas palabras importasen o abondo como para merecer ese rigor.
Anxo González ensinoume a mirar un cadro máis de trinta segundos, que xa é ensinar bastante. E Pilar Fernández, nun corredor calquera, nun día que xa nin sequera lembro que tiña de particular, díxome unha frase de ánimo que non vou reproducir aquí porque pertence só aos dous, ao pasado, e que abondou para que eu, aquela semana, decidise non me render de todo.
Ninguén lles pagou por iso. Ou si, pagáballes a Xunta, supoño, coa módica cifra que o Estado reserva a quen forma o criterio dos seus futuros cidadáns (unha cifra que, postos a comparar, calquera xestor de fondos de investimento consideraría unha broma de mal gusto). Pero o que fixeron por min non entraba na nómina. Entraba, como moito, nesa contabilidade invisible que ninguén audita e que malia iso sostén países enteiros: a dos adultos que deciden, sen que llo pidan, que un adolescente perdido paga a pena.
Fálase moito, nesta era de titulares fáciles, do fracaso do ensino público. Fálase pouco disto: de que nun instituto calquera dunha cidade de tamaño medio, catro profesores decidiron -cada un ao seu xeito, coas súas ferramentas, sen se coordinar, sen épica- non deixar que un rapaz caese do mapa. Iso non sae nas estatísticas. Non hai indicador PISA para a persoa que che fala coma se xa foses alguén, moito antes de que ti mesmo o creses posible.
Hai unha tentación doada, cando se escribe sobre os propios profesores, de os converter en santos de altar, en figuras de mármore sen defectos nin canseira. Non é a miña intención, nin lles faría ningún favor. Esther, Xosé, Anxo e Pilar non me salvaron de nada con xestos heroicos: fixeron o seu traballo, día tras día, coa fatiga normal de calquera profesión mal pagada e peor entendida, e nalgún punto desa rutina decidiron, ademais, non me deixar caer. Esa é a parte que me interesa sinalar, non o heroísmo, senón a constancia. Non a excepción, senón o costume de tratar un adolescente difícil coma se merecese algo mellor có abandono existencial.
Rosalía de Castro xa intuíu, moito antes ca calquera de nós, que hai dores -e tamén agradecementos- demasiado fondos para se explicaren de todo. Eu non sabería explicar por que aquelas clases pesaron tanto, por que seguen pesando… Só sei que cando o resto do mundo adolescente parecía un exame que ía suspender de xeito inevitable, houbo aulas nas que, durante cincuenta minutos, deixei de estar só coa sentenza que eu mesmo me impuxera.
Agora escribo. Publico. Asino cun nome que non é o meu e cunha voz que, se un rasca un pouco, ten a súa orixe exacta naquelas clases: en Esther ensinándome que as palabras podían doer ben, en Xosé demostrándome que a lingua propia non é un refuxio senón un territorio, en Anxo insistindo en que tamén hai pensamento no que se mira de vagar, en Pilar lembrándome, coa simple persistencia de quedar, que abandonar non era a única opción dispoñible.
Non sei se isto se le algunha vez nas salas de profesores, entre correccións de exames e cafés requentados. Se chega, que sirva de recibo. Aquí está a débeda, por fin posta por escrito, aínda que chegue con anos de atraso, de erros… e co xuro composto de todo o que no seu día non souben agradecer:
Grazas por sosteren o tellado cando eu mesmo estaba decidido a botalo abaixo.
Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.