A tempada 2025-2026 da “Sociedade Filarmónica” de Pontevedra

24 de mayo 2026

Xerardo Torrado Agulla analiza a tempada 2025-2026 da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, destacando entre os concertos obras de Mozart, Beethoven e Schubert, e deixando ilusións para o próximo ciclo

O pasado mércores, día 20 de maio, deuse celebrado o derradeiro concerto desta tempada 2025-2026 da "Sociedade Filarmónica"; neste caso, a "Camerata Arven" deleitounos coa interpretación de dúas obras do grande Mozart: o seu concerto para clarinete e orquestra en la maior KV.622, e a súa sinfonía nº 29 en la maior KV.201. O concerto para clarinete, xa tivéramos o pracer de escoitalo nesta mesma tempada da man da "Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia" no mes de xaneiro, pero é un auténtico gozo escoitar esta obra unha e outra vez, estreada por Mozart no mesmo ano da súa morte, o 1791, e composta para ser interpretada polo seu amigo Anton Stadler e inicialmente composta para clarinete tenor en fa.

Lembro dos anos de estudante en Compostela, cando tiña que recorrer ás présas a Praza do Obradoiro para deixarme caer pola Rúa das Hortas e así chegar a Galeras e coller o autobús que me devolvía a Pontevedra (nunca residín en Santiago, pero gustaríame, téñoo en cuarto lugar nas miñas preferencias, tras Viena, Praga e Heidelberg como opcións de residencia permanente). Naquela Praza do Obradoiro, polas noites, atopábame a un clarinetista interpretando o Adagio dese concerto para clarinete de Mozart. Son desas lembranzas que teño dos meus anos de carreira.

Rematada a tempada 2025-2026 da "Sociedade Filarmónica" de Pontevedra, miro cara atrás e fago un resumo de tódalas sensacións que me deixou. A "Sociedade Filarmónica" ten por costume soster unha programación de calidade, pero se me obrigan a escoller entre os concertos que máis me gustaron, ademais dese concerto KV.622 de Mozart, resaltaría o do "Cuarteto Gerhard" e o "Cuarteto Diogenes", traendo ambos sendos cuartetos do meu amigo Beethoven e que para a tempada 2026-2027 virán de novo para continuar coa integral de cuartetos de corda do xenio de Bonn. Debo sinalar que, para o ano que vén, o 2027, cumpriranse 200 anos da morte do xenial músico, e esta é unha fermosa homenaxe. Ao "Cuarteto Diogenes", procedente de Alemaña pero cunha violista galega (Alba González Becerra), xa o vira hai anos, posuíndo ademais na miña colección de discos a integral que gravou esta formación dos cuartetos para corda de Franz Schubert, gravacións nas cales gústame deleitarme e que incluso pasei a MP3 para poder facelo dende o teléfono mentres ando pola rúa, estou nunha biblioteca… etc.

Xa estou contando os segundos para o inicio da nova tempada, que segundo avisan, será o 5 de outubro co tenor Manuel Gómez Ruiz e a pianista Victoria Guerrero, con lieder de Schubert. Até ese momento, a pecharme no meu cuarto xunto aos meus amigos Beethoven, Mozart, Schubert, Schumann, Brahms e demais para desfrutar mentres estudo a fermosa lingua de Goethe e Schiller, estudo para as oposicións, leo ou traballo nalgún dos meus proxectos, todos eles condenados, posiblemente, ao fracaso… pero eu sigo traballando na miña paixón, a Historia Antiga e Medieval, a pesar de que non conseguín vivir dela, que non son nin recoñecido na miña propia cidade, e que estudo para unhas oposicións para unha escala moi baixa nas bibliotecas da Xunta.

Resumindo, unha vez máis, a "Sociedade Filarmónica" aportoume unhas cantas horas de pracer estético-musical. Recomendo e animo a todo pontevedrés e pontevedresa amante da música clásica que se faga socio/a desta centenaria institución da cidade.