Case tódolos días fago a miña andaina de saúde dende Combarro cara a Ponte da Barca, a altura do hotel Combarro collo dirección Lourido e atraveso o Parque da Memoria Adolfo Pérez Esquivel para logo conectar coa agradable ruta da Ostreira.
Tanto ao ir como ao vir fago de xeito seguro e tranquilo camiñando pola beirarrúa da marxe dereita da estrada PO-308, de escasos novecentos metros, e que une o hotel Xeito co hotel Combarro. No meu cavilar, un día destes veume a lembranza nítida de cando no ano 2007 se proxectou, por parte da propietaria da estrada, a Xunta de Galicia, ese brazo de unión que permitiu acercarse a toda a veciñanza de forma máis segura, cando quere cubrir a súas necesidades no Combarro comercial e de servizos. Este mesmo proxecto habilitou unha zona de algo máis de 100 estacionamentos tan necesarios como demandados.
Ben é certo que o proxecto inicial contemplaba, mediante expropiacións, unha maior perda de propiedade, tanto dos espazos urbanizados como dos terreos de labranza, o que levou consigo que os prexudicados se opuxeran e se manifestaran defendendo as súas propiedades, e a súa portavoz manifestara que "Ningún gobierno va a ser capaz de acabar con nosotros". Naqueles momentos, si non me trabuco, tiñan o apoio do PP de Poio, cuxos dirixentes estaban interesados en que non se fixera nada, como o veñen amosando ao longo de todos estes anos.
Pero evidentemente, cando de verdade se queren facer as cousas e facelas o mellor posible, e necesario chegar a acordos para que, respectando os dereitos individuais se logren melloras colectivas, que como é o caso da PO-308, garantiron unha seguridade viaria, aínda agora tan precaria en moitos treitos cando transcorre polo Concello de Poio.
Agora todos vemos como se iniciaron as obras na marxe esquerda de dita estrada, de xeito tardío e sen dúbida lento, pois as obras colleran de cheo o verán. Isto evidencia unha intencionalidade política, que non é outra que evitar, antes das próximas eleccións municipais, que vexamos como o proxecto é de orzamento reducido, pagado por Europa e xestionado pola actual administración. da Xunta de Galicia. O proxecto en execución limítase a facer unha senda mixta peonil-ciclista que para a súa realización leva por diante os poucos aparcamentos existentes, obviando de forma intencionada e prexudicial unha das demandas feitas pola veciñanza, polas mariscadoras e polo sector turístico.
Coa intención de corrixir esta eiva e acadar outras melloras no proxecto, foron presentadas varias alegacións pola Plataforma da PO-308, con data 8/10/2019, ante a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ditas alegacións están aínda hoxe expostas nunha cristaleira da rúa Maceira.
Despois de todo o exposto, entendo que queda demostrado a falla de interese da Consellería por mellorar o proxecto e tamén o desprezo as demandas feitas pola maioría do vecindario, evidenciando que non teñen interese real, sendo máis doado e rendible buscar a quen votarlle as culpas.
Eu lamento que poidan facer o que van facer, que non teñamos a valentía e a carraxe que si tiveron, no seu día, os veciños que lograron os aparcamentos da marxe dereita da estrada, a quen tan agradecido lles estou.
Como remate deste modesto escrito, matino en que todo continuará igual neste pobo de aparentes cegos e xordos malintencionados. Eu seguirei camiñando, pero levarei un paraugas, pois seguramente choverán moreas de mentiras.
Antón Briones Prieto