Dende a ANPA de Rubiáns denunciamos a proposta da Xunta de Galiza, de reordenación de horarios e a súa negativa por sistema de contratar un autobús máis.
Dende a ANPA Casanova de Rubiáns levamos anos denunciando a nosa situación. Ante a pasividade da Xunta de Galiza para resolver o conflito e ante a oportunidade que agora se presentaba ante a nova licitación para resolver o problema, o curso pasado volvemos a denuncialo publicamente para que dunha vez por todas tomasen cartas no asunto.
Ante as falsas promesas por parte do Partido Popular tanto no concello de Vilagarcía coma no Parlamento de que ían tratar de solucionar o tema, atopámonos a menos dunha semana de que comece o curso, non so sen que o tema se teña solucionado, senón con que a solución proposta por eles pasaría de prexudicar a un centro a agora prexudicar a tres.
Xa de primeiras parécenos indignante o feito de que a xornada lectiva dun centro educativo teña que ir supeditado ao que diga unha empresa de transporte, a cal lembramos que está contratada por un organismo público e debería atender ao que o dito organismo lle solicite, e non á inversa. De toda a vida quen paga decide.
Non poden sacar titulares vendendo un incremento na partida para transporte escolar que quedan en mera propaganda, cando por outro lado indican que non poderían asumir o custo dun autobús máis. Estamos falando de 60000 euros que para a Xunta de Galiza non representan nada, cando estamos acostumados a velos tirar de chequeira con cantidades verdadeiramente astronómicas para sufragar cousas coma propaganda, campañas publicitarias ou para subvencionar eventos privados.
O problema sempre xorde cando se trata de ofrecer servizos aos que coma cidadás e cidadáns temos dereito. É máis en concreto á educación pública, vémolo nos recortes de persoal, na falla de profesorado e no estado dos centros de ensino. Estamos seguros de que non lles tremería tanto o pulso se a cantidade da que falamos fose destinada a subvencionar calquera centro de ensino privado ou concertado.
Parécenos incendiario que dende educación fagan declaracións indicando que o noso cambio de horario teña que ir supeditado a que o modifiquen tamén outros centros. Así como nos parece unha vergoña que dende que denunciamos o tema non se teña avanzado nada ao respecto, e non fose ata o xoves pasado cando se dignaron a contactar coa directiva do CEIP de A Lomba para explicarlles a súa proposta, descoñecendo por completo que o CEIP Arealonga sería o maior prexudicado con ela. Unha mostra máis do seu desinterese e do súa ignorancia sobre o tema ao non ter nin idea a días de que comece o curso, de cal é a realidade dos centros educativos do concello, e querendo arranxar a présa e correndo unha situación que modificaría a vida de un maior número de familias.
É penoso e preocupante que a propia Xunta de Galiza non saiba a que centros atende o seu servizo de transporte escolar, así coma é penoso que o CEIP Arealonga fose o último centro en ser coñecedor da súa proposta, e grazas a que se lle indicou á Xunta dende o CEIP A Lomba de que isto sería así, sendo o que sairía máis prexudicado. Proposta por certo que en ningún momento nos chegou á nosa ANPA por parte da Consellería de Educación.
O que pretenden agora sería adiantar a chegada das crianzas usuarias do autobús compartido que vén dende A Laxe, facendo que estas cheguen aos seus centros dez minutos antes e obrigando ao profesorado dos centros a que se faga cargo delas mentres non da comezo a xornada lectiva. Isto representaría esixirlle ao profesorado algo que se escapa das súas competencias, ademais de obrigalos a ampliar a súa xornada laboral. Somos coñecedores de que dende os claustros de ambos centros se lles deu a negativa por resposta coma é lóxico, e o mesmo acontece cos consellos escolares.
A única realidade é a negativa por sistema a resolver unha situación que tería unha solución ben doada. A contratación dun autobús máis. Simplemente é un asunto de vontade política e de aposta pola educación pública e por dotar a poboación duns servizos públicos de calidade.