
Bóveda figura nesta foto da Coral Polifónica de Pontevedra (1926)
Fonte: https://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com
(Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego)
Alexandre Bóveda ten unha vida plena en Pontevedra, aquí casa con Amalia Álvarez Gallego (1930), a quen coñece na Coral Polifónica, da que os dous formaban parte, funda unha familia, tivo seus cinco fillos, ten unha grande consideración profesional e política, sendo moi admirado e respectado, era unha persoa moza cunha grande vitalidade e espírito de traballo e de entrega co obxectivo de soerguer Galicia. Ten unha vida social, cultural e política moi rica e moi activa, nun momento de esplendor da vida pontevedresa.
Nesta vida tan intensa en Pontevedra está acompañado por grandes amigos que o valoraban e o querían moito, entre eles "un pontevedrés, moi pontevedrés", Xosé Filgueira Valverde, uns tres anos máis novo ca el, Filgueira era tamén un mozo brillante e moi precoz en tantas cousas, que se relacionaba en círculos de mestres e amigos compartidos con Bóveda, dentro da esfera do galeguismo.
Mais, todo empeza a ir cambiando e a enrarecerse xa a partires de 1934, fundamentalmente por razóns e diferencias políticas. No chamado Bienio Negro (o goberno das dereitas na II República coa Ceda e con Lerroux facendo das súas), Bóveda é deportado a Cádiz e Castelao a Badaxoz, detrás destes inxustos desterros están razóns políticas revanchistas.
Castelao desterrado non comprende nin acepta a escisión da Dereita Galeguista (1935), liderada polos seus "irmáns" e amigos Vicente Risco e Filgueira Valverde. Debatíanse cuestións ideolóxicas e de loita de clases. Por estas e outras razóns Castelao vai apartándose e desvinculándose de antigos e verdadeiros amigos, o xa citado Vicente Risco (compañeiro da Xeración Nós), Francisco Xavier Sánchez Cantón e Filgueira Valverde (ambos os dous fixeron todo o posible, dun xeito totalmente desinteresado, para lograr a magnífica edición do Albúm Nós de Castelao) e que profesaban verdadeira veneración e cariño polo ilustre rianxeiro. Todo isto produce dor e tristura, unha lamentable separación.
Sobre Filgueira Valverde dixo Bóveda (cuestión á que fai referencia en moitas oportunidades o erudito Xesús Alonso Montero -1928-), "onde estea Filgueira Valverde 'sempre haberá un obreiro da causa galega'".
Sorprende que Filgueira Valverde a penas mencione nin lle dedique ningún artigo nos seus nove libros de ensaio publicados titulados Adral ao seu amigo Alexandre Bóveda, quizais as lembranzas dolorosas dos desgraciados episodios sobre Bóveda e as feridas abertas e os cualificativos inxustos vertidos na publicación de Xerardo Álvarez Gallego, cuñado de Bóveda (1972), arredárono de acometer este tema tan triste. Filgueira non gustaba falar de política e menos de todo o acontecido e relacionado cos lamentables e crueis feitos de 1936.
O profesor, historiador e militar Xosé Fortes Bouzán ten comentado que ao estar conversando destes temas relacionados con Bóveda, Filgueira Valverde púxose a chorar. Non era para menos, para chorar e para tremer. Sobre os feitos de xullo e de agosto de 1936 en Pontevedra, Filgueira Valverde nada podía facer. Sobre o asunto de que se foi citado, se foi o non foi a declarar no caso Bóveda é un asunto inútil, irrelevante, innecesario. Na pantomima de xuízo sumarísimo, o falso e nulo proceso xudicial a Bóveda produciuse no seo dun Estado ilexítimo e delincuente, ilegal, arbitrario, cruel, sen as máis mínimas garantías procesais, un xuízo falso porque a sentencia xa estaba ditada de antemán; non había nada que facer, segundo dixeron en distintos momentos, entre outros, Francisco Xavier Sánchez Cantón, Antón Fraguas, Fernández del Riego, e neste estado de terror e de brutalidade que podería ter feito Filgueira Valverde ou calquera outra persoa nesas fatídicas circunstancias?
Xosé Filgueira Valverde non foi un traidor nunca para os seus amigos e para a causa galeguista, sempre se mantivo fiel a Galicia e á lingua galega, sempre foi coherente e consecuente coas súas ideas.
Compre achegarse con rigor á historia e coñecer e estudar a personaxes como Alexandre Bóveda e Filgueira Valverde e as súas circunstancias. É necesario que a xente nova coñeza ás ilustres personalidades da historia da nosa Galicia. Compre investigar, estudar, indagar con consistencia científica e con verdade. Tomando como modelo e como referentes ás persoas que o deron todo por Galicia e que entregaron as súas vidas e as súas obras para engrandecer Galicia.
PARA SABER MÁIS:
-
Álvarez Bláquez, Xosé María, Alexandro Bóveda. (Vigo: Ir Indo, 1992).
-
Álvarez Gallego, Xerardo, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda. (Buenos Aires: Edicións Nós, 1972).
-
López Torre, Rafael, El primer Bóveda. De la Organización del Servicio de Recaudación de la Diputación a la Fundación de la Caja de Ahorros de Pontevedra. (Pontevedra: Tekla Comunicación, 2003).