Despois de varios anos de traballo man a man coa Consellería de Política Social co fin de desenvolver o Concerto Social, dende a Federación vémonos na obriga de denunciar o grave incumprimento do prazo máximo para a súa execución.
Tal e como se especificaba no Decreto 229/2020 do 17 de decembro polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, contábase cun prazo máximo de 18 meses para poñer en marcha este novo concerto social; un prazo vencido xa dende o pasado 28 de xullo de 2022.
Se ben agradecemos as xestións realizadas primeiro por Fabiola García e actualmente por Francisco Conde López (encargado do despacho dos asuntos da Consellería de Política Social e Xuventude, nestes momentos), e a súa axilización no tema, o atrraso na posta en marcha supón un prexuízo de vital importancia para o financiamento e a viabilidade das nosas entidades.
Por este motivo, o pasado 7 de outubro enviamos un escrito á Consellería de Política Social con copia á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para informarlle que, ante a inoperancia e a falta de resposta sobre a aplicación do concerto social e do incremento salarial derivado da aplicación do convenio para este ano veríamos na obriga de tomar medidas.
Esta realidade agrávase agora ao ter coñecemento de que a Consellería de Facenda non ten previsto a inclusión dunha partida específica e concreta nos orzamentos da comunidade autónoma para o desenvolvemento e o impulso do concerto social no 2023 (tal e como se comprometeu no seu día a conselleira Fabiola García) motivo polo cal anticipamos a previsión de organizar mobilizacións por parte do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
Unha complexa situación que xa denunciábamos no Parlamento no mes de abril
Na última intervención parlamentaria onde tivemos a oportunidade de expoñer ante os diferentes grupos políticos a realidade do colectivo, xa denunciabamos a situación crítica das nosas entidades, que levan anos asumindo incrementos de costes que deberían corresponderlle á Administración, dado que estamos a xestionar prazas públicas.
A esta situación debemos sumar o elevado sobre esforzo económico que asumen por motivo dos custos derivados da crise sanitaria e agora da crise enerxética, unha situación que, unida agora á paralización do concerto social, está a xerar un clima tenso no sector, que de non ter pronta solución pode acabar ocasionando a perda de moitos traballos e poñer en risco a supervivencia de moitas entidades.
Dende a Federación emprazamos ao conselleiro de Política Social a reunirse cos representantes da Federación, esperando poñer pronta solución a esta situación tan desfavorable que afecta ao colectivo.
FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual. Na actualidade contamos con 41 entidades galegas federadas e prestamos servizo a máis de 8.000 persoas con discapacidade intelectual entre aquelas que reciben apoio nas nosas entidades e as que se benefician de servizos a través da propia federación.