Manifesto da Plataforma de Afectados polo PIA de San Mauro de Pontevedra

Comunicado da plataforma sobre a interpelación parlamentaria socialista, a cargo de Paloma Castro Rey, acerca do proxecto de interese autonómico

O pasado mércores, unha representación da Plataforma de Afectados polo PIA de San Mauro - Pontevedra desprazouse ao Parlamento de Galicia para asistir á interpelación formulada pola parlamentaria socialista D.ª Paloma Castro Rey á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sobre as previsións da Xunta de Galicia respecto das demandas das veciñas e dos veciños afectados polo Proxecto de Interese Autonómico de San Mauro.

O colectivo quere expresar o seu agradecemento ao Grupo Parlamentario Socialista por dar voz ás nosas preocupacións e por trasladalas á sede parlamentaria. Tamén queremos recoñecer expresamente o labor de dona Paloma Castro Rey, que foi quen de sintetizar, no escaso tempo do que dispuxo, as principais inquedanzas, demandas e reivindicacións compartidas por todas e todos os afectados.

Durante a súa intervención, a deputada autonómica puxo de manifesto a mala praxe coa que a Xunta de Galicia está a xestionar este proxecto, lembrando que as persoas afectadas non foron informadas previamente á aprobación provisional do PIA e que, unha vez iniciado o procedemento, tampouco se promoveu unha interlocución real nin se amosou interese por coñecer de primeira man a situación das familias afectadas. Así mesmo, solicitou á Consellería que abandonase esta dinámica e apostase por solucións dialogadas e consensuadas.

Igualmente, denunciou as cantidades claramente insuficientes previstas para as expropiacións e lembrou que un dos principios fundamentais da lexislación urbanística é a distribución equitativa dos beneficios e das cargas. No caso de San Mauro, esa equidade desaparece por completo: mentres as veciñas e veciños afectados asumirán a práctica totalidade das cargas derivadas do proxecto, os beneficios recaerán sobre terceiros.

A deputada concluíu lembrando que o interese xeral non pode servir de escusa para vulnerar os dereitos das persoas que levan décadas residindo neste barrio nin para impoñer actuacións sen diálogo nin consenso.

Con todo, o máis sorprendente da sesión chegou coa resposta da conselleira, D.ª María Martínez Allegue, quen afirmou con rotundidade que existiu, existe e existirá interlocución cos afectados.

A realidade é ben distinta. A día de hoxe, e malia as reiteradas solicitudes formuladas por esta Plataforma, a conselleira segue sen recibir ás persoas afectadas. Nin existiu esa interlocución á que apelou nin, polo momento, se materializou a disposición ao diálogo que asegura manter.

Resulta especialmente difícil comprender esta negativa ao diálogo cando falamos dunha responsable política que, ademais, reside na nosa propia cidade. As e os afectados levan meses solicitando unha reunión para poder expoñerlle directamente as súas preocupacións, resolver dúbidas e coñecer cal é a verdadeira vontade da Xunta respecto deste proxecto. Ata o momento, ese encontro continúa sen producirse.

Durante a súa intervención, a conselleira definiu o PIA como un proxecto de cidade destinado a facilitar o acceso á vivenda, especialmente ás mozas e mozos. O que non explicou é que ese obxectivo pretende acadarse, neste caso, a costa de expulsar das súas vivendas, das súas propiedades e do barrio persoas que levan toda unha vida construíndo nel o seu proxecto vital. É lexítimo promover políticas de acceso á vivenda; o que non parece xusto é realizalo facendo recaer todo o custo sobre un colectivo de familias.

En relación coas valoracións das expropiacións, a conselleira atribuíunas á aplicación dunha normativa estatal de obrigado cumprimento. Non obstante, convén lembrar que é a propia Xunta de Galicia quen decide recorrer á figura do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver este tipo de actuacións. Nos últimos meses anunciáronse ata catorce PIA por todo o territorio galego, convertendo esta figura nun instrumento de uso cada vez máis frecuente para impulsar actuacións urbanísticas.

Chamou especialmente a atención unha das súas afirmacións cando asegurou que a Xunta fará todo o posible para que as persoas afectadas saian o menos prexudicadas posible. Só despois de pronunciar esa expresión, rectificouna inmediatamente para substituíla por "o máis beneficiadas posible".

A primeira formulación, porén, constitúe un recoñecemento implícito de que este proxecto provocará un prexuízo ás e aos afectados. E resulta difícil falar de beneficios cando hai familias que perderán as súas vivendas, os seus terreos ou o patrimonio construído ao longo de toda unha vida.

Sra. Conselleira, o seu discurso no Parlamento e a realidade que vivimos as persoas afectadas transitan por camiños completamente diferentes. O consenso ao que vostede apelou nin existe nin se tentou construír. Porque para que exista consenso é imprescindible que exista diálogo, e ese diálogo, a día de hoxe, segue sen producirse.

Dende a Plataforma reiteramos, unha vez máis, a nosa vontade de dialogar. Nunca renunciamos a sentarnos nunha mesa, nin deixaremos de facelo, porque solicitamos que se nos escoite. Seguimos agardando a convocatoria desa reunión que lle levamos meses solicitando e que, por respecto ás persoas afectadas, debería producirse sen máis demora.

As veciñas e os veciños de San Mauro non pedimos privilexios. Pedimos información e transparencia, respecto e a oportunidade de participar nas decisións que condicionarán o noso futuro e o das nosas familias. Iso, e non outra cousa, é o que cabe esperar dunha Administración que di gobernar para toda a cidadanía.

Persoas afectadas polo PIA de San Amaro xunto a Paloma Castro, deputada socialistaPSdeG-PSOE

 

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora