O único modelo enerxético que aceptamos énon máis eólicos, sacar os que están na Rede Natura, fomentar o autoconsumo e rematar coa especulación. Negamos con rotundidade a necesidade dun novo modelo enerxético. Máis de 3500 aeroxeradores espallados por toda a xeografía galega, son máis que suficientes para satisfacer as necesidades enerxéticas de Galicia, se non fora que se está especulando coa enerxía producida.
Non pode ser que espazos como a dorsal galega alberguen máis de 450 aeroxeradores que afectan a espazos enblemáticos e protexidos, da Rede Natura 2000 como a ZEC Monte Faro, a ZEC Serra do Candán e a ZEC Serra do Cando, onde xa hai tamén parques eólicos instalados.
Non pode ser que o complexo eólico, Cerceda-Ordes, conteña máis de 200 aeroxeradores para a mesma zona e arredores e non pode ser que os Montes do Gato e a súa contorna acaden os 99 aeroxeradores.
Non pode ser que a Costa da Morte Sur acade os 821 aeroxeradores, afectando a espazos tan prezados e valiosos como a propia Rede Natura Costa da Morte, IBA e ZEC Carnota -Monte Pindo.
Non pode ser, o xa hoxe, lamentable estado da Serra do Xistral e a súa contorna, Rede Natura e Reserva da Biosfera, onde se contabilizan máis de 1000 aeroxeradores con unha ratio aeroxerador/habitante incompatible coa calidade de vida ou a costa norte da provincia da Coruña, que se achega os 324 aeroxeradores instalados. Non pode ser que espazos de gran interés natural como o Macizo Central ou os Ancares se enchan de eólicos, como está a acontecer na actualidade, con máis de 436 aeroxeradores.
Non pode ser que un niño de águia real fique a escasos 15 quilómetros rodeado de 268 eólicos ou que unha única parroquia a atravesen 4 liñas de alta tensión. Isto só ten un nome posible, corrupción. Só desde a corrupción se poden chegar a autorizar 60 parques eólicos dunha tallada.
Abonda de aeroxeradores e parques eólicos. Non máis eólica, nin terrestre nin mariña. Hai que ordenar a que xa está instalada e deixar aos espazos da Rede Natura libres de parques eólicos. Pero xunto a este traballo paulatino hai que ir fomentando, apoiando e instalando o autoconsumo, mediante accións eficaces e efectivas que o fagan real, eficaz e efectivo. Que as cubertas se enchan de placas solares non é un inconveniente, senón unha boa xestión que demandamos desde xa. Apoiamos tamén as pequenas comunidades enerxéticas autoxestionadas polas persoas que habitan o territorio.
Stop Eólicos. Non máis eólicos. Xestión responsable do que xa hai implantado. Sacar os eólicos que hai dos espazos naturais protexidos. Fomentar o autoconsumo de maneira eficaz e efectiva. E sobre todo, Stop Especulación. Non máis especulación coa nosa terra e cos nosos recursos. Non máis política irresponsable e cero corrupción.
Asinan:
Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde
Asociación ambiental Petón do Lobo
Comité pola Defensa das Rías Altas
Asociación galega Cova
Crea Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns”
IEM Instituto de Estudos Miñoráns
Asociación O Vilar
SOS Groba
Salvemos Monteferro
Asociación Val de Torés
Plataforma defensa dos Ancares