Todas as palabras son poucas para expresar a gratitude polo traballo do equipo de Cirurxía Dixestiva e da Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Un labor cunha traxectoria recoñecida e de prestixio que ao noso pai lle deu azos e esperanza para loitar pola vida despois dunha peregrinación incerta pola atención primaria e urxencias da área sanitaria de Pontevedra.
Esperanza e ilusión para batallar contra o cancro de páncreas, consciente da dificultade do prognóstico. Esperanza e ilusión que alimentaron os seus últimos días e que o acompañaron a quirófano para ir a por todas. Así encaraba el esta batalla, así se fixo e así se foi, indo a por todas e sen sentir a dor do tráxico desenlace. Con iso nos quedamos e iso queremos agradecer aos equipos de Cirurxía Dixestiva e da Unidade de Coidados Críticos do CHUS que o 5 de xullo de 2023 atenderon ao noso pai.
GRAZAS con maiúsculas polo trato impecable desde que puxemos o pé no CHUS, pola empatía, pola comprensión e por loitar ata o último segundo. Somos conscientes de que se fixo todo e máis, porque o vimos e o sentimos. Sentimos o seu calor e a inmensa profesionalidade e humanidade que caracteriza aos profesionais deses equipos e que son tan necesarias en momentos tan complicados coma este.
GRAZAS de corazón dos que estivemos alí ao pé do canón desde diferentes ángulos e fomos testemuñas da enorme valía das persoas que se cruzaron no camiño do noso pai durante o seu paso polo Hospital Clínico de Santiago. Ao persoal de cirurxía dixestiva, especialmente ás persoas que formaron parte da operación e as que estaban de garda unha vez que saíu de quirófano e tamén cando volveu a el.
GRAZAS tamén aos grandes profesionais da Unidade de Coidados Críticos, que o atenderon e tamén nos atenderon aos familiares que alí estabamos, por poñerse na nosa pel e polos seus coidados continuos. Un trato imprescindible en situacións tan delicadas coma esta.
Equipos coma eses son exemplares e moi necesarios porque son o mellor tesouro da nosa sanidade pública. Grazas por todo.
Alba e Mariña Búa González