Os Ecoloxistas do Salnés critican a extensión das luces navideñas pola costa natural

25 de noviembre 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

O Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos que é preocupante esta iniciativa da arrocería, sabendo que non é nin será a única, pero que é representativa dun xeito de pensar nada responsable nin coa paisaxe, nin coa saúde climatica. Tampouco é solidaria no contexto de austeridade enerxética na que estamos inmersos.

Este fin de semana está anunciado o encendido das luces navideñas o Restaurante-arrocería da Lanzada, un local que colinda coa praia do mesmo nome e co espazo protexido de Ons-O Grove.

O entorno da Lanzada é un doucos tramos da costa do Salnés sen urbanizar. É un dos lugares preferidos polos veciños e turistas para pasear, disfrutar das estrelas e da posta do sol. A modelo ibizenco de chiringuitos abertos, música con altavoces e sobreiluminación, acaba coa tranquilidade nocturna das nosas praias. Así é cada vez máis complicado disfrutar da costa tranquila, esa costa que sempre se vende nas postais, idílicas, e que logo se transforman no verán en ruídosas e sobreiluminadas.

No inverno hai un respiro, que tamén aproveita a fauna e flora para desenvolverse en liberdade, ata que o verán volve para arrebatarlle o seu espazo de novo.

Está claro que o Nadal é moito máis que unha festa cristiá, é unha festa de reencontro cos familiares e amigos. Coma en toda festa as rúas e as nosas casas se engalanan e se fai un gasto extra para esa celebración. Pero cando ese gasto se convirte en derroche é cando pode ser perigoso, non só para nosa economía senon tamén para o medio ambiente.

Un exemplo desto é o encendido das luces de Nadal nas nosas rúas dende novembro para estimular o consumo, segundo pregoan os irresponsables políticos que nos gobernan.

Este consumismo que se pregoa está cheo de enganos e perxuízos para nós e para a natureza, xa que consume os recursos do planeta e os nosos bolsillos. Pero o derroche eléctrico do sobrealumeado é de todo imperdoable no contexto derivado do cambio climático que estamos a sofrer.

Cando se di dende ámbitos ecoloxistas aos alcaldes que estes abusos nos adornos lumínicos é un mal exemplo para a sociedade á que se lle está a pedir aforro de luz. E é un mal exemplo tamén por que estimula a outros a copialo. Este é o caso da arrocería da Lanzada, que ve neste modelo de derroche unha boa oportunidade de publicidade.

Neste caso, o seu impacto vese agravado polo lugar onde está, xa que deteriora a beleza do lugar coa súa contaminación lumínica.

Xa no verán o seu alumeado superdimensionado foi motivo de queixas do CES ante distintos responsables da administración e que ningún estamento foi quen de atallar. Nin a Xunta nin o Concello do Grove foron quen de darnos explicacións sobre a situación legal deste establecemento pola súa sucesiva ocupación de terreos na costa. E este silencio pode estar cheo de culpabilidades que se queren agochar.

Agora a administración debería velar por controlar a contaminación lumínica na nosa comarca así como loitar contra o feísmo paisaxístico que representa unha luminaria de tal calibre no medio da oscuridade, que non é mais que unha chavacanería máis das que xa estamos fartos de sufrir na nosa paisaxe, afeándoa cada vez máis e incluso denoite.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos que é preocupante esta iniciativa da arrocería, sabendo que non é nin será a única, pero que é representativa dun xeito de pensar nada responsable nin coa paisaxe, nin coa saúde climatica. Tampouco é solidaria no contexto de austeridade enerxética na que estamos inmersos.

Animamos á sociedade en que non se deixe enganar por estos reclamos e ás nosas autoridades a cambiar as suas políticas dando exemplo dunha vez por todas cun consumo ambiental e socialmente responsable.

Xa no 2007 o Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético (IDAE), recomendaba que o alumeado navideño se encendera entre o 15 decembro e o 6 de xaneiro, nun horario reducido e empregando lámparas de baixo consumo.

O CES considera que se deberia deixar o alumeado navideño para os ámbitos urbanos e no interior das nosas casas e empresas, pero non deberían acenderse en sitios non habitados. A oscuridade forma parte da paisaxe natural, dos bioritmos da natureza e de nós mesmos.

Deixemos que o luar da lúa ilumine o noso litoral.