Marín é un concello que non se caracteriza precisamente pola conservación do seu Patrimonio Histórico – Artístico . Atrás quedan as innumerables mostras da súa perda: dende o simbólico Priorato ata Villa Echegaray, dende a Casa de Baños á Casa dos Balcóns, dende as mámoas e petroglifos esquecidos ós ruinosos pazos…
Se todo isto o trasladamos ó Patrimonio Marítimo, a cousa é aínda máis grave. Pouco a pouco foron caíndo baixo a "piqueta" as fabricas de salgado e conserva, os vellos peiraos e os asteleíros de ribeira , dos centos de barcos de vapor non resta máis que unha tristeira lembranza fotográfica, e xa non falemos das embarcacións de pesca menores, das que non queda pegada… ( " Nostra in mare fortuna" ).
Parece tocarlle agora o turno ó vello peirao coñecido como "O Cemiterio" , lugar onde se trasladaron as vellas embarcacións de madeira adicadas á pesca de baixura despois das obras da Escola Naval e ante a imposibilidade de poder entrar no esteiro do río Lameira, que era o seu fondeadoiro natural.
Durante décadas veñen usando os mariñeiros este espazo, non só para para o amarre das súas embarcacións, senón tamén como punto de reunión e encontro, como lugar onde botar unha parrafada.
As iniciativas de conservación do pouco patrimonio marítimo que nos queda en Marín sempre correspondeu a iniciativas particulares, e non, como debería ser, a iniciativas institucionais. A idea de facer un Museo do Mar en Marín é un claro exemplo disto, cun acopio de material museistico por parte de particulares, ou a conservación das poucas embarcacións tradicionais que quedan no concello, tamén en mans de asociacións.
Aínda estamos a tempo de salvar o pequeno peirao do "Cemiterio", melloralo, adecentalo, e darlle un uso didáctico que sexa compatible coa súa función de amarre e varada das pequenas embarcacións.
Sería o complemento ideal para o Museo do Mar de Marín, cuxas instalacións deberían trasladarse ó porto e ocupar algunha das dependencias que na actualidade están en desuso e en proceso de deterioración.
O obxectivo sería facer do Cemiterio un Museo Vivo, como vemos noutros exemplos, caso do Museo Massó de Bueu, que se complementa co Estaleiro de Purro e as Embarcacións Tradicionais do colectivo " Os Galos" atracadas no peirao de Bueu.
Os Museos do Mar, os museos en xeral, xa non só se limitan a ser un lugar onde gardar obxectos, senón que anexan outros tipos de instalacións "vivas" como neste caso podería ser o peirao do "Cemiterio".
Non cometamos o erro de sacrificar este espazo xa histórico en Marín para facer nel unha piscina, para a que poden atoparse outros emprazamentos axeitados.
Conservemos o pouco patrimonio marítimo que nos queda e sobre todo non fagamos do tema un motivo de confrontación política.
Grupo cultural Ronsel