Xornalistas Galegas fai un chamamento aos poderes públicos

08 de marzo 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Co gallo do Día da Muller, a asociación promove unha racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa para contribuír á conciliación das mulleres dos medios, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, fai un chamamento aos poderes públicos para a compatibilidade das convocatorias de prensa e a conciliación.

Co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, o colectivo vén de remitir ás administracións públicas e partidos políticos un escrito para promover a racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa co obxectivo de contribuír á conciliación das mulleres dos medios de comunicación, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión.

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á responsabilidade social dos poderes públicos na aplicación real das medidas de conciliación que se recollen nos seus idearios.

"Entendendo e reivindicando a conciliación como un problema de Estado que debe ser afrontado de xeito profundo e transversal polas Administracións públicas, na súa tarefa de control dos dereitos laborais de todas as traballadoras, este 8M dende Xornalistas Galegas solicitamos unha medida concreta inmediata, que, lonxe de dar solución á problemática da conciliación, si contribúe a visibilizar un primeiro paso do compromiso dos poderes públicos nesta materia: a compatibilidade entre as convocatorias de prensa e a conciliación das profesionais", expón o colectivo.

Entre as accións concretas que as xornalistas reclaman no seu chamamento atópase a petición de que se teña en conta o criterio da conciliación das mulleres dos medios de comunicación á hora de realizar convocatorias de prensa, minimizando aquelas que, por horario –tarde-noite, fins de semana, festivos..., etc–, agravan as dificultades das xornalistas para conciliar.

Así mesmo, a asociación reivindica o uso das tecnoloxías da comunicación e a información como vía de promoción de cara á cidadanía nos aspectos que non requiren unha cobertura informativa profesional, centrando as convocatorias de prensa naqueles actos nos que a cobertura presencial conleva un enriquecemento da información.

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo #8mAsXornalistasConciliamos