Vémonos na marcha

12 de junio 2019
Actualizada: 18 de junio 2024

Dicía Galeano "Moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo". Nos seguímolo acreditando, nestas verbas, o dereito a soñar unha ría limpa sen industrias contaminantes na defensa da súa riqueza natural

Dicía Galeano "Moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo". Nos seguímolo acreditando, nestas verbas, o dereito a soñar unha ría limpa sen industrias contaminantes na defensa da súa riqueza natural. Xa e tempo dabondo que ENCE se decate que ten que saír da ría, ninguén está en contra das persoas que traballan nela, a maioría temos fillas e fillos en paro e apostamos por ese sempre postergado desenvolvemento sustentábel da riqueza da nosa ría ... tal e como hai 60 anos defenderon as mariscadoras de Praceres, sufrindo a represión franquista por intentar preservar ás novas xeracións ese "paraíso roubado" do espolio dos recheos da praia e da implantación dunha empresa contaminante que lonxe de ser o prometido motor económico da comarca, foi a súa maior adversidade e lastre, hipotecando o seu futuro.

Cando ENCE se instalou na Ría, a xente toda coñecía a súa data de caducidade. Os representantes dos traballadores erraron por deixar pasar o tempo sen requirir a súa empresa un emprazamento alternativo, erraron por non denunciar a chantaxe á poboación e o xogo sucio dos seus directivos impulsando sen escrúpulos as "portas xiratorias" nas administracións públicas e mercando vontades. Dese xeito traballadoras e traballadores de ENCE foron delegados ao papel de "escudos humanos" na defensa dos intereses e beneficios dunha empresa por enriba do interese común, unha empresa que, como xa fixeron no pasado, deixaranlles na rúa cando lles conveña. Todo o mundo entende hoxe, que legal e eticamente non é posíbel nin defendíbel situar empresas contaminantes nunha zona urbana ou nunha praia, pero ... non esquezamos aos directivos da "Fedorenta" cando dicían que para eles é máis fácil mercar a opinión pública que cambiar a fábrica de sitio.

O domingo 16 vémonos na ría, nunha marcha que ten que ser festiva da man das persoas herdeiras  das mariscadoras que fai 60 anos loitaron por manter "o paraíso roubado", de tronzadores de eucaliptos, limpadores de ríos e praias, da mocidade en defensa do medio ambiente, homes e mulleres que se bañaron na praia dos Praceres, etc. Levamos moito tempo soñando cunha ría limpa e libre de industrias contaminantes, non podemos deixarlle ás novas xeracións unha ría estragada, temos que tomar conciencia que só coa mobilización o lograremos, agora e o momento de esixir o cumprimento da legalidade e de defender a explotación racional dos sectores produtivos da Ría, do turismo e do monte. Depende de nós, ninguén de fora nos vai arranxar o problema.