Vítimas de violencia de xénero, as eternas secundarias

15 de enero 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Ademais de como cidadáns que somos, e que vemos e escoitamos, obviamente, o que acontece ao noso arredor, os 8 anos de actividade que pronto cumpriremos en Si, hai saída, non fixeron mais que ratificar algo que non soamente non mudou en todo este tempo, se non que semella ir cada vez a peor

Ademais de como cidadáns que somos, e que vemos e escoitamos, obviamente, o que acontece ao noso arredor, os 8 anos de actividade que pronto cumpriremos en Si, hai saída, non fixeron mais que ratificar algo que non soamente non mudou en todo este tempo, se non que semella ir cada vez a peor:

A consideración da violencia de xénero coma un delito de menor envergadura que calquera outro e, como consecuencia, a escasa por non dicir nula importancia que se lle da as súas vítimas, agás que se trate dalgunha famosa ou de alguén que apoiala supoña sacar algún rendemento a quen o fai, xa que neses casos sobran apoios, sexan ou non xustificados.

 

As vítimas de violencia de xénero son, agás, como dixen, moi contadas excepcións, coma eses actores e actrices que pasan gran parte da súa vida no escenario, sempre presentes, pero relegadas a un segundo plano, sen que se lles conceda nunca a consideración, a atención e o respecto que merecen, e aos que se denomina "eternos secundarios", coa diferencia de que, no seu caso, no das vítimas da violencia machista, esa clara discriminación pode custar, e, de feito, custa, moitas vidas, unha discriminación que deixa, ademais, en evidencia, a escala de valores da nosa sociedade, que, a estas alturas, non é xa que teña que ser cuestionada, é que da auténtico medo.

 

Unha noticia aparecida en diversos medios de comunicación hai un par de días é un exemplo máis que claro disto.

 

Esta noticia daba conta de que un home, en Madrid, supostamente coa intención de facerlle dano a súa parella, lanzara ao can desta, un pitbull, pola ventá desde un quinto piso, resultando o animal malferido, como é lóxico, relatándonos, a continuación, o estado do can, a súa evolución, e como unha asociación se fixo cargo del despois de que deixara a clínica veterinaria na que foi atendido das graves feridas sufridas.

 

Evidentemente, tamaña animalada, nunca mellor dito, non ten xustificación de ningunha clase, e non é difícil, a pouca imaxinación que se teña, sacar conclusións acerca da clase de individuo da que estamos a falar, pero o que tampouco ten xustificación é o feito de que, despois de ler a noticia detidamente, observamos: queen ningún momento se facía alusión a muller, nin se aclaraba se fora agredida, ou como se atopaba... Nada, nin unha soa mención. Coma se non existise, mentres, como digo, se explicaba con todo detalle o estado e a evolución do can, malia que, penso eu, non é difícil deducir, despois de tan brutal comportamento, como debe ser o trato, ou mellor dito, debería dicir o maltrato, que este desalmado, con toda probabilidade, estará a inflixir a súa parella.

 

Hai medios e medios, certo, e precisamente por isto, ante esa absoluta indiferenza para un case seguro delito de violencia de xénero e, porén, para a súa vítima que observamos, fixemos un "rastrexo" entre varios deles, co fin de comprobar se recollían a noticia e, se era así, o tratamento que lle estaban a dar , e o resultado non puido ser mais desolador.

 

Ata 13 medios revisamos, nos que se daba cumprida conta da noticia cos detalles pormenorizados que xa dixemos sobre o estado do can, sobre a súa evolución, e NIN UNHA SOA MENCIÓN á muller, agás nun deles no que aclaraba que a vivenda desde cuxa ventá foi lanzado o animal era o domicilio da parella, e que a muller era retida nel por este individuo contra a súa vontade, e noutro no que, sinxelamente, se limitaban a recordar a existencia do teléfono de axuda as vítimas de violencia de xénero, o 016, aclarando que non deixa rastro na factura, pero que si hai que borrar do terminal... En fin, esa é outra!.

 

Tampouco nos comentarios dos lectores que recollían estes medios, de condena, evidentemente, para esa agresión ao animal, se facía alusión a muller. Tamén para eles era invisible, non existía, non tiña importancia ningunha.

 

Creo que a conclusión a sacar é evidente... ou debería.

 

Quero deixar algo moi claro.

En ningún momento quero restarlle importancia a agresión ao animal. En absoluto.

É certo que non son especialmente afeccionada a eles, e que eu, por diversas razóns, nunca tería un na miña casa, pero, por suposto, non soamente non aprobo, se non que condeno rotundamente calquera tipo de maltrato para eles.

 

Non é preciso aclarar que respecto profundamente a quen pensa todo o contrario, e actúa en consecuencia, de xeito que eses animais son unha parte fundamental da súa vida, se ben é certo que boto de menos e sorpréndeme que as veces, moitas, de feito, ese respecto non sexa recíproco, e que cando digo que non son afeccionada aos animais se me responda ou se me trate coma se fose a reencarnación de Jack o destripador, tendo as veces ao meu carón a alguén que declara abertamente non soportar, por exemplo, aos nenos, aos que eu adoro, e aos que cualifica, como se me deu o caso non hai moito, de "auténtico coñazo" e de "insoportables", e todo o mundo lle ri a graza e lle dá a razón, non sendo esta a primeira vez que isto me sucede, e non será a derradeira, seguro, pero o que non me cabe na cabeza é que, por moito que se poida querer a un animal, se ignore por completo o maltrato que poida estar a sufrir un ser humano.

 

Creo, sinceramente, como xa manifestei en repetidas ocasións, e no que me reafirmei ao ler esta noticia, que algo se nos está a ir das mans, ou que, de feito, xa se nos foi hai tempo.

Non atopo outra explicación.

 

En calquera caso, a "importancia" que se lle está a dar á violencia de xénero, e, en consecuencia, ás súas vítimas, na nosa sociedade, é cada vez mais evidente, como tamén é evidente que estamos a falar dunha sociedade, a nosa, cada vez mais deshumanizada.

 

Prefiro, por outra banda, non referirme, ou, polo menos non hoxe, malia que xa falamos disto en repetidas ocasións, obviamente sen resultados positivos, a certos medios de comunicación e ao tratamento que lle dan a violencia machista.

Soamente me gustaría lanzarlles unha mensaxe: se non teñen pensado rectificar, e á vista está que non, por que mellor non calan, omiten o tema, e deixan de minimizala e de degradar as súas vítimas?.

 

Abondo teñen co que teñen, non credes?.

 

Asociación Si, hai saída