Murchan as follas das árbores que caen paseniñamente ao chan, remuiños de vento arrastran as que xa caeron, ceos grises que preludian a choiva, e tempo de outono. Volve o máis Vello Carballo do Reino de Galicia, que dicía o Pai Sarmiento, á palestra, non quere renderse nin ficar no esquecemento, quere irse cando lle chegue a súa hora sendo a Árbore Europeo do Ano e para iso precisa da nosa axuda votando por el grazas a iniciativa da asociación AC do Sentir do Carballo de Santa Margarida que volven a presentalo, agardando que co apoio da cidadania esta vez sexa a derradeira e que logre o merecido recoñecemento europeo, pois de todos nós xa o ten dabondo.
Agora xa vai moi velliño, tanto que precisa de muletas que o sosteñan de pé, volve senterse querido polos seus veciños, logo de moitas aldraxes sofridas ao longo de máis de oitocentos anos de vida, volta sentir a alento e pulo de moita xente que o quere e non deixa que se senta como un vello só nunha residencia agardando a visita dun familiar que nunca chega, agora se sente querido e admirado por todos os galegos e galegas de corazón que pensan que é merecedor dabondo dese titulo e agarda con novos folgos a carón da capela de Santa Margarida as boas novas.
O noso carballo de referencia, o dos troncos retorcidos, o do Coloquio do Tío Marcos da Portela do xenial Pai Sarmiento, a árbore memoria e testemuña de historias de moitas xeneraciòns, agora está feliz pois ao seu caròn dunha landra súa agromou outro carballo que é como un neto para el, séntese orgulloso de ter un herdeiro, xa non está tan só, fala con el e cóntalle historias que ao longo de tantos anos garda na memoria, xa que probablemente é o ser vivo máis antigo de Galicia e testemuña de moitos secretos, aldraxes e promesas e xuramentos que se fixeron ao seu caròn, referente e testemuña viva da nosa historia.
Aínda sente como os paxariños aniñan nas súas pólas, e as vacalouras ocupan os seus covexos. Resiste a vella árbore aínda coas veces se sente abandonado cando o esquecemos e non o visitamos e non lle procuramos os coidados que precisa como podalo cando é o tempo, agora no outono da súa longa vida agarda con ilusión un recoñecemento para poder irse en paz pero precisa a nosa axuda. Votade para a Árbore Europea do Ano na aplicación https://www.xn--arbolybosquedelao-uxb.es/carballo-de-santa-margarita-pontevedra/. Entre todos e todas ímolo lograr: Mil primaveras máis para o Carballo de Santa Margarida.