Xinfu

29 de noviembre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Xinfu e Wini veñen a ser o Batman e o Robin do mundo canino galego, aínda que bastante máis simpáticos e rosmóns. Comezan a súa tremenda aventura por casualidade, case sen querer, e polo camiño atopan a súa valentía, tendo que apañárselas entre outros personaxes cun coello mutante.

Aínda que o cómic nace practicamente desde que existe a Imprenta, é unha arte que relacionamos coa modernidade. Os principais editores do século XX en EEUU utilizárono para atraer a todo tipo de público, especialmente ós inmigrantes que  descoñecían o idioma inglés e que podían seguir as historias axudándose polas imaxes das viñetas. 

Ten, polo tanto, desde os seus inicios, unha función importante no eido da cultura e unha vocación de universalidade. Sen embargo, cargou sempre coa tara imposta de ser unha arte menor.  

A adolescencia de case que todos os que hoxe considerámonos amantes da literatura, foi o tempo dos tebeos e as historietas. Astérix e Obélix, Tintín, Zipi e Zape, Spiderman, foron algúns dos heroes( e non tan heroes) que acompañaron as miñas tardes e as dos meus amigos nos últimos anos do colexio e logo no Instituto.

 Algúns, como Rúa del Percebe 13, serviron de semente para a creación de series de televisión como "Aquí no hay quien viva". Entretemento sen máis, pode ser, pero creatividade e humor, dous ingredientes sen os que a vida sería moitísimo máis aburrida.

O fenómeno xaponés Manga supuxo unha auténtica revolución no mundo do cómic, derivado seguramente de ir sempre por diante no arte da animación.
 EEUU e Francia son actualmente os países nos que a Industria do Cómic fai posible que os debuxantes que se introduzan nel poidan vivir das súas creacións. 

En España aínda non é así, agás contadas excepcións. Segue a ter pouca repercusión incluso nos medios visuais, aínda que, de cando en vez, escoitamos falar dalgún Salón do Cómic, xeralmente en cidades como Madrid ou Barcelona. Tamén comeza a ter sona dende hai algúns anos o Salón Internacional do Cómic da Coruña.

É unha arte sen embargo, a do Cómic, que non termina de achegarse ó gran público porque segue a ser considerado o irmán pequeno da pintura ou do debuxo. Sen embargo ten entidade propia.

En Pontevedra ábrese no ano 2012 da man de Kiko da Silva a primeira Escola galega de Banda deseñada e Ilustración: O Garaxe Hermético, co fin de formar profesionais no sector. 

Xa na actualidade,un dos mozos que ten feito unha firme aposta para chegar ben lonxe é Adrián Morgade, que recentemente presentou en Moaña o seu cómic: Xinfu na maldición Guauchuki, as aventuras de dous cans: Xinfu e Wini, ós que o feito inocente de atopar un oso no xardín cámbialles a vida. 

Xinfu e Wini veñen a ser o Batman e o Robin do mundo canino galego, aínda que bastante máis simpáticos e rosmóns. Comezan a súa tremenda aventura por casualidade, case sen querer, e polo camiño atopan a súa valentía, tendo que apañárselas entre outros personaxes cun coello mutante.

Adrián Morgade comezou a ser coñecido para o público cando ilustrou e maquetou a historia dos Suaves, o grupo ourensán de Rock, escrita por Javier Dominguez.

Xinfuna maldición Guauchuki é un cómic para nenos entre seis e dez anos e tamén para todos aqueles que queiran gozar coma nenos. É a primeira das aventuras destes dous peculiares cans que, de seguro, vivirán moitas máis.

Adrián Morgade estará firmando exemplares do seu cómic no Pazo da Cultura de Pontevedra este sábado 2 de Decembro. Xinfu xa está dispoñible nas librarías pontevedresas. 

O vindeiro día 16 de Decembro ás sete da tarde, terá lugar na Libraría Nobel un divertido Obradoiro de Cómic para nenos dirixido polo propio autor.

O día 22 do mesmo mes, pretiño xa da Noiteboa, estará firmando os seus libros na libraría Baroja, outro lugar en Pontevedra no que o cómic si que ten o seu merecido protagonismo.