Lores reforza a súa lista electoral cun grupo de apoio de dez pontevedreses "de recoñecido prestixio"
Por Natalia Puga
Luisa Márquez Rodríguez, Manuel Lourenzo González, María Luísa Sabajanes Torres, Roberto Conde Taboada, Begoña Mallo, Juan José González Crespo, Esperanza Marín Magdalena, Marcos Rodríguez Montes, Antonia Blanco Pesqueira e Rafael Iglesias García. Dez pontevedreses e os dez últimos nomes que pecharán a lista electoral do BNG para as eleccións do 24 de maio de Pontevedra. Meses despois de facer públicas xa as identidades dos 25 membros da candidatura, o alcalde da cidade do Lérez e candidato nacionalista á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a coñecer este sábado ás dez persoas que ocupan os postos de reserva, un "grupo de apoio" do que destaca o seu "recoñecido prestixio".
Lores explicou que dende o BNG se buscou que esa zona de reserva a ocupara "unha representación do máis granado da sociedade pontevedresa e unha parte importantísima e representativa dos avais que ten a candidatura do BNG para esta campaña electoral das municipais". Ademais do seu prestixio, desfíxose en eloxios a estas dez persoas que "teñen traballado en diferentes eidos pola cidade de Pontevedra, con compromiso social e c on experiencia" e que, ademais, "apoian a nosa candidatura".
Os postos de reserva da candidatura ocúpanos "unha representación do máis granado da sociedade pontevedresa"
O alcaldable nacionalista alardeou do perfil de todos eles, fixo con eles unha foto de familia na Alameda e, en representación dos dez, tomaron a palabra a ex vicerreitora da Universidade de Vigo en Pontevedra, Antonia Blanco; o escritor Manuel Lourenzo; e o músico e estudante de Produción Audiovisual Marcos Rodríguez. Este último, de 21 anos, veciño de Salcedo e guitarrista do grupo Vórtex, reivindicou a súa presenza neste grupo de apoio como persoa que aporta "a xuventude, o esforzo, o traballo e sobre todo a ilusión de traer novos proxectos".
Antonia Blanco, actualmente profesora na faculdade de Ciencias de Educación e do Deporte, animouse a formar parte deste grupo unha vez que deixou os cargos de responsabilidade na Universidade de Vigo para poder aportar a súa experiencia en proxectos de futuro postos en marcha no campus nun "proxecto vivo que está por acabar" como Pontevedra. Botou man da metáfora para indicar que está animada a colaborar para mellorar a "semente moi boa" que xa plantou o BNG no Goberno local de Pontevedra. "Estou no momento de axudar a crecer a este novo goberno si logramos ter a capacidade de xestión en Pontevedra", reivindicou.
Manuel Lourenzo: "Prefiro estar á sombra dun carballo que á sombra dunha margarida de verán"
O escritor Manuel Lourenzo tamén quixo facer uso de figuras literarias para explicar a súa presenza neste grupo nacionalista e fíxoo para defender a forza dun partido con décadas de historia como o BNG fronte aos novos proxectos políticos que xurdiron nos últimos tempos, e que na cidade do Lérez se materializarán nas eleccións municipais a través de candidaturas como Marea Pontevedra, Ciudadanos (Cs) ou Tod@s por Pontevedra.
Sitúa Manuel Lourenzo o nacimento destes grupos nun tempo de "crise e desconcerto xeral" no que aparecen "ofrecendo e vendendo distintas paisaxes e lúas, e que son como estes xardíns que se montan no verán, que decoran" e contrapón as citadas propostas coas "carballeiras e os soutos que nos marcan o camiño e que din onde estamos". "Isto significa o BNG en Pontevedra. Prefiro estar á sombra dun carballo que á sombra dunha margarida de verán", sentenciou antes de poñerse ao servizo do proxecto de Miguel Anxo Fernández Lores.
Estes dez últimos postos de reserva complétanos Luisa Márquez, coordinadora galega das Escolas Asociadas á Unesco; María Luísa Sabajanes Torres, veciña de Ponte Sampaio e ex sindicalista en Pontesa; Roberto Conde Taboada, vicepresidente da comunidade de montes da Canicouva; Begoña Mallo Rei, sindicalista da CIG e membro de SOS Sanidade Pública; Juan José González Crespo, presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra; Esperanza Marín Magdalena, membro da directiva da asociación vecinal O Mirador de Monte Porreiro; e o histórico dirixente sindical Rafael Iglesias García.
Relacionadas:
-
O BNG exhibe 'músculo' para as municipais xuntando unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha cea para 2.000 persoas, punto de partida do BNG de cara ás eleccións do 24-M
Por Alejandro Espiño |
-
Lores ve "moi difícil" pactar tras o 24-M porque PP, PSOE e Marea "queren desfacer o modelo de Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |
-
A candidatura do BNG en Pontevedra renóvase dando peso a dirixentes do movemento asociativo
Por Natalia Puga |
-
Demetrio Gómez, número 3 na candidatura do BNG; Miguel Filgueira quedará fóra da corporación
Por Redacción |
-
Anabel Gulías, primeira sorpresa da listaxe de Lores para as municipais de 2015
Por Redacción |