Agustín Fernández acusa a BNG e PP de "botar fume electoral" coas súas propostas para crear vías verdes
Por Redacción
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, cre que os dous proxectos de vías verdes "compartidos" por BNG e Partido Popular, a que pretende aproveitar as vías do tren en desuso entre Pontevedra e Arcade e a que se quere construír en paralelo coa ría de Pontevedra son, tanto o un como o outro, "proxectos virtuais".
Os cidadáns de Pontevedra asisten "atónitos", segundo o candidato socialista, á "estratexia compartida polo BNG e o PP, a un pacto tácito, que ninguén se atreve a negar, e que alterna fases de seriedade institucional e fases cómicas". Aseguran que ambos partidos "botan tanto fume electoral que non teñen rubor en prometer unha vía verde polas vellas vías do tren, esquecela completamente nuns poucos meses, e logo lanzarse á promesa doutra vía verde polo bordo da ría, aínda que iso cause un atentado ambiental".
Agustín Fernández reclama "seriedade" aos responsables das formacións nacionalista e conservadora, "se queren conservar algo da pouca credibilidade que lles resta". Entende que "xa fixeron bastante o ridículo" co proxecto da planta de compostaxe, do que agora "prefiren desmarcarse para non queimar demasiado a alianza Lores-Louzán antes das eleccións municipais".
O candidato socialista reitera que calquera actuación medioambiental que se pretenda realizar entre Pontevedra e Os Praceres debe partir do respecto á lei, da minimización do impacto sobre a ría e, por tanto, sen consolidar os recheos e por extensión a Ence.
Por tanto, o Ministerio de Fomento "faría moi ben", matiza Fernández, se estudara a posibilidade de trazar o corredor verde no espazo que queda entre a estrada vella e a autovía, "se é que os anuncios realizados teñen algún viso de realidade a medio ou longo prazo".
Relacionadas:
-
Colectivos veciñais e deportivos de Vilaboa reclaman a conversión da antiga vía do tren en Vía Verde
Por Redacción |
-
Fomento "estuda" o proxecto para unir peonilmente Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pastor confirma a creación dunha Vía Verde no antigo trazado do tren entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |