O PSOE da Lama promete concentracións parcelarias, un novo plan urbanístico e o desenvolvemento do polígono industrial
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE na Lama concluíu a redacción do seu programa electoral para as eleccións municipais do mes de maio. O seu voceiro, Enrique Vaqueiro, falou da importancia dun novo plan urbanístico que "destrúa a aberración de cobrar por terreos sen servizos", así como o desenvolvemento dun polígono industrial "que leva arrancando dez anos pero que nin sequera ten iluminación pública".
Vaqueiro cree necesario un "cambio total" na forma de actuar do Concello da Lama. "Un novo tempo que dea maior relevancia ás ferramentas coas que conta par crear emprego. E, por suposto, non é posible un desenvolvemento destas aldeas se nos calzan os impostos por terreos sen servizos que nos calzou o alcalde. Iso hai que botalo abaixo", afirmou Vaqueiro.
Os socialistas presumen de ter un programa "moi completo" para todas as parroquias, nas que o "emprego de calidade" é o "eixe central" das súas propostas.
"Ademais teño unha obsesión persoal co patrimonio cultural de Verducido, Xende e Covelo", afirma o candidato do PSOE á Alcaldía. "Creo que son necesarias actuacións nas tres parroquias para poñer en valor esas aldeas dende o punto de vista turístico", rematou Vaqueiro.