Comezo festivo para a campaña electoral dun BNG que confía no tirón electoral de Lores
A forte chuvia que caeu en Pontevedra nas últimas horas non impediu que preto de duascentas persoas participasen no arranque de campaña do BNG nestas eleccións municipais. Os nacionalistas renunciaron a participar no tradicional acto de pegada de carteis e optaron, pola contra, por unha festa que se celebrou na praza da Ferrería, reconvertida no núcleo da "aldea gala" da que presumen Lores e o seu equipo.
Durante este acto foron continuas as referencias ao comic editado polo BNG nesta campaña. De feito, nada máis subir ao escenario o propio Miguel Anxo Fernández Lores -o "capitán dos galos" segundo Xurxo Souto, o condutor desta festa- pediu aos asistentes que se levaran para casa "tres ou catro exemplares" para darllos a xente do PP porque "eles tamén o queren, pero non poden ir a por el á sede do BNG".
Xa en clave electoral, Fernández Lores celebrou que "Pontevedra está de moda" e que se situase como "referente internacional de calidade urbana", logrando un modelo urbano "modélico e case único no mundo". Conseguiuse, dixo, "sen estragar millonadas en aventuras como o Gaiás, o metro lixeiro, a Balea de Campolongo ou a Estación Intermodal", senón con "ideas claras, valentía e decisión".
Este modelo, segundo o candidato do BNG, está a ser "atacado por terra, mar e aire", xa que as demais forzas políticas "propoñen dun xeito ou outro dar marcha atrás, algunha 60 anos atrás", en relación á continuidade de ENCE. Por iso, animou aos seus a "traballar arreo durante os días que faltan" para lograr o máximo apoio posible para os nacionalistas o próximo 24 de maio.
Á festa organizada polo BNG de Pontevedra acudiron tamén os dez cabezas de lista na bisbarra, así como os membros da candidatura e numerosos militantes e simpatizantes do partido.
O acto contou coa actuación dos grupos Os tres trebóns, integrado por Xurxo Souto, Fran Amil e Antón Díaz; Mini e Mero, fundadores de Fuxan vos Ventos; e Joshiño dá Teixeira e Bieito Lobariñas, dous dous regueifeiros en activo que existen en Galicia.
ACTO EN SALCEDO
Ademais, pola tarde Miguel Anxo Fernández Lores trasladouse ata a parroquia de Salcedo, onde mantivo un encontro coa directiva da comunidade de montes. O candidato avanzou que formulará integrar toda esta zona dentro do proxecto de creación de parques forestais e se comprometeu a incrementar os fondos destinados á recuperación patrimonial de todo este ámbito.
O cabeza de lista do BNG achegouse tamén ás obras da nova Casa de Cultura de Salcedo, infraestrutura que puxo como exemplo do esforzo que fixo o Concello para fomentar os puntos de centraliade parroquial nos núcleos do rural pontevedrés.
Relacionadas:
-
A chuvia desloce unha pegada de carteis que xunta seis dos oito alcaldables
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Lorix e Mosquerix, un cómic do BNG contra o imperio PPromano
Por Oskar Viéitez |
-
Un acto festivo en lugar da pegada de carteis, primeira proposta do BNG para unha campaña alternativa
Por Redacción |