María Ramallo fai bandeira da defensa do Porto
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Marín, coa súa candidata á reelección na Alcaldía, María Ramallo, asegura que deseñou unha campaña "próxima, con moita colaboración de todos os afiliados " ao co obxectivo posto en facer balance dos anos no goberno, "dos logros conseguidos" e da ruta marcada coas apostas que de cara ao futuro quere comprometerse en xestionar.
Un programa de balance e de obxectivos que ira distribuíndo en domicilios, comercios, mercado, tendas e bares, para dar a coñecer "o esforzo, o traballo, os obxectivos, o equipo, as persoas e os plans de futuro" que ten e propón para Marín.
Na súa axenda de campaña figuran para este fin de semana un mitin en Santome e encontros en Pastoriza.
O equipo declárase "ilusionado" e sinala como eixes da súa política a defensa do Porto e a súa actividade "facendo unha clara aposta pola inversión pública e privada que teña como obxectivo crear emprego en Marín". Apoio e traballo en conxunto coa Escuela Naval Militar de Marín, apoio ó comercio local con campañas e actuacións coordinadas, e o impulso a zonas estratéxicas que xeren actividade empresarial.