A Xunta Electoral envía á Fiscalía a denuncia de irregularides no censo da Lama
Por Natalia Puga
A denuncia presentada polo PSdeG-PSOE da Lama por presuntas irregularidades no censo do municipio chegará á Fiscalía. O portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, formalizouna este martes centrándose na presenza de 15 persoas censadas na casa vinculada ao alcalde, Jorge Canda (PP). Presentouna ante a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra e poucas horas despois xa fora enviada ao ministerio público.
A Xunta Electoral de Zona remitiu unha comunicación oficial a Vaqueiro a media tarde indicándolle que, na súa reunión deste martes, acordou "emitir a denuncia orixinal á Fiscalía por solicitarse na denuncia a apreciación de infracción penal cuxo exame compete á jurisdicción ordinaria".
Esta remisión á Fiscalía non significa que a Xunta Electoral vexa delito nos feitos denunciados, senón que cre que debe ser o ministerio públcio quen o determine, pois é unha infracción que non está dentro das competencias do órgano electoral.
A denuncia do PSOE alerta de que no censo da Lama figuran 15 persoas como residentes da mesma casa do lugar da Pedreira da Lama, unha vivenda na que xa denunciaron unha presunta infracción nas dúas últimas convocatorias de eleccións municipais, isto é, en 2007 e 2011.
Os socialistas engaden que noutra casa do mesmo lugar, que é propiedade do irmán do alcalde, está censada a exmujer do regidor, malia que "todo o pobo coñece" que vive en Ponte Caldelas.