A cidadanía marcará as "liñas vermellas" de Marea Pontevedra nos pactos postelectorais
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Marea Pontevedra ten "claro" que estará presente na próxima corporación municipal e que nela "non haberá maioría absoluta" por parte de ningún partido. Neste escenario abocado a unha política de pactos a candidatura de Marea móstrase disposta a negociar coas outras forzas pero quere marcarse unhas "liñas vermellas".
O candidato, Luis Rei, explicou en rolda de prensa que Marea Pontevedra ten no seu seo membros destacados do movemento do 15-M, cuxo cuarto aniversario se celebra este venres vindeiro. Nese senso a Marea Pontevedra vai convocar para ese día unha consulta aberta para que a veciñanza sinale cales son as "liñas vermellas" de calquera hipotética alianza.
Luis Rei entende que deste xeito Marea Pontevedra responde a calquera "especulación" sobre a súa actuación futura no marco dun concello sen maiorías absolutas e precisa que non será nin tan sequera a asemblea da Marea senón a cidadanía que queira participar a quen decida as liñas centrais sobre os que sustentar futuros acordos.
Pode participar calquera cidadán, só fai falta presentar en DNI ante as mesas electorais que se instalarán o venres e o sábado na praza da Peregrina.
Nas papeletas figuran 11 temas dos que o elector terá que sinalar cinco como "centrais" para futuros acordos postelectorais no Concello.
Para Luís Rei "como queda demostrado tamén nisto, nós sempre escoitamos, e escoitaremos, á xente".