Mariano Rajoy reparte apertas en Marín e afirma: "La crisis era de caballo, pero ahora estoy animado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Mariano Rajoy chegou a Marín puntual. Baixou do seu vehículo ante a Escola Naval, onde o agardaban diferentes representantes do Partido Popular e despois cruzou a Praza de España e camiñou, entre unha marea de fotógrafos e operadores de cámara, para internarse no Bar La Farola porque, segundo comento a candidata á alcaldía de Marín, María Ramallo, hai anos se achegaba polo local cando vivía o dono.
Alí saudou a familia e realizou unhas declaracións ante os medios que non estaban previstas durante a visita. O presidente do Goberno rexeitou que tivese medo á suba que nas enquisas está a experimentar Ciudadanos de Albert Rivera: "A mí no me da miedo nadie, lo importante es lo que diga la gente. La democracia es un sistema de reglas muy claro y los españoles votan lo que quieren y hacen bien en votar lo que le parezca mejor para su país. Miedo a la democracia no se lo he tenido nunca, he perdido algunas elecciones, otras las he ganado y estoy animado".
Entrementres, fóra de La Farola, os membros de seguridade, responsables de prensa e algúns curiosos veciños de Marín ocupaban a beirarrúa. Carlos Floriano, vicesecretario de organización e de campaña do PP, daba un par de caladas rapidas a un cigarro e charlaba sorrinte á espera de que Rajoy saíse do establecemento.
O líder popular insistía en mostrar o seu ánimo ante esta campaña ao estar en contacto coa xente da rúa, que "es lo que le gusta" apuntaba minutos despois María Ramallo. "Los tiempos han sido duros, difíciles, la crisis era de caballo. Teníamos una herencia tremenda. Creo que la gente va a reaccionar bien con nosotros, lo creo sinceramente", aseguraba Rajoy antes de abandonar o local dos seus coñecidos.
Teníamos una herencia tremenda. Creo que la gente va a reaccionar bien con nosotros, lo creo sinceramente
E así foi, o máximo dirixente español apenas encontrou críticas durante o seu percorrido pola alameda de Marín, que realizou parapetado pola ministra de Fomento, Ana Pastor; polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; polo vicepresidente Alfonso Rueda, polo presidente provincial, Rafael Louzán e pola propia candidata marinense, María Ramallo. A cada paso, moitos dos numerosos veciños que se encontraban no recinto achegábanse para saudalo e, sobre todo no caso dos máis novos, para solicitarlle un selfie. Mariano Rajoy accedía sempre gustoso e sorrinte, rodeado polas súas escoltas e polos seus compañeiros de partido. Ata recibiu un chourizo crioulo de polbo, un regalo dun representante da empresa Cabomar que afirmaba: "é un produto orixinal de Marín".
O bulicio non impedía escoitar o responsable de prensa da campaña que, a berros, pedía que se cortase a actuación de Sara e Sofía, dous mozos con boa voz que actuaban no medio da alameda. Era necesario que o presidente coa súa cohorte atravesasen esa zona. Parouse a actuación e o político continuou coa estampa habitual durante toda campaña electoral que se prece. Recibía abrazos, acariciaba a nenos, a bebés, e pousaba co mellor sorriso ante as cámaras das decenas de móbiles que se axitaban ao seu arredor. "Pídelle un selfie, pídelle un selfie" incitaba unha adolescente a outra moza.
Mariano Rajoy e os principais dirixentes populares que lle acompañaban decidiron finalmente sentarse nunha terraza con María Ramallo e o seu equipo para tomar "unhas coca-colas", rodeados de curiosos. Os responsables de seguridade impediron, a partir do momento en que o presidente se sentaba, que os diferentes representantes de prensa continuasen sacando fotos sen reparar en que os móbiles dos curiosos si seguían retratando o singular momento.
Tras quince minutos de refresco, os políticos continuaron o seu paseo entre a multitude e entre os versos da canción que lle dedicaron unhas simpáticas señoras. Despois, a paso lixeiro, os políticos abandonaron a Alameda. Ao momento chegaban á Avenida de Ourense. Alí esperábanlles sete coches escuros e oficiais, no primeiro subiu Rajoy. A axitada xornada de campaña electoral deste venres continúa e quedan dous novos destinos; primeiro Vigo e, despois Pontevedra.