"Please, where is Santa María?"
Por Redacción
Mediodía calquera de outono. O sol cóase no centro histórico e acomódase nas súas prazas. Tránsito sosegado en xeral. Conxúganse cafés e cañas en terrazas ou barras. Un operario de limpeza empuxa un carriño e supervisa papeleiras. Un grupo de escolares participa nunha visita guiada. Unha turista de manual, plano en man, trata de situarse. Parece que non o consegue, aproxímase e estendéndome o plano di: "excuse me, please, where am I and where is Santa María?".
Aplico a máxima "Susanista" (a defendida sempre pola miña amiga: hai que ser amable cos turistas). O astigmatismo e o tamaño da letra do plano complícanme situala con rapidez. Aquí estamos! Acompáñoa ata o lugar en cuestión. Véñome arriba co inglés, por pouco tempo, tamén o advirto. Di que se perdeu porque son moitas rúas pequenas entrecruzadas; pero que a cidade lle parece marabillosa. Máis aínda cando pode percorrela a pé, sen necesidade de coche.
Non sabe a muller que está diante dunha xornalista que esa mañá foi ao centro histórico para preparar unha reportaxe sobre esta parte da cidade e a repercusión do modelo urbano. Vamos, que me veu caída do… Parador, segundo comenta. Enfilamos Arcebispo Malvar e asoma o campanario da basílica.
- "Aí está, preto, verdade?"
- "Si, moitas, moitas, grazas"
- "A vostede e espero que goce da cidade".
Ela é o exemplo dun turismo estranxeiro que progresivamente vai aumentando. Coinciden en sinalalo comerciantes e hostaleiros da zona monumental.
"Pontevedra cada vez é máis coñecida. Discrepo dos que din que os premios non serven para nada. É resonancia para a cidade e repercusión económica. Sei que hai persoas que están a vir porque un día viron algo na internet, porque saíu unha reportaxe en televisión ou nunha revista", así opina Ernesto Filgueira, que continúa na praza de Méndez Núñez co negocio familiar do mesmo nome aberto algo máis de medio século.
Tres décadas leva aberta Cestigal, a única cestería que queda na rúa Real das catro que chegou a haber, lembra Josefina, quen rexenta o comercio co seu home. Vivíu a transformación do centro histórico, pero non se mostra moi compracida coa consideración que fai: "cada negocio que pecha, é un establecemento de hostalería que abre. Hai moito movemento de noite, pero de día non".
Que a actividade hostaleira incrementouse e ten mellorado, deféndeo Roberto Quintas, propietario da Cervecería Tapería Vetula Ponte, situada na esquina da rúa Serra. Cóntanlle outros máis veteranos da zona que a praza de abastos hai anos deixou de ser o principal xerador de actividade da parte antiga. "Falta un plus de algo para dinamizar o mercado e que recupere a trasfega que había antes. Sería un beneficio para todos".
Factores diversos tiveron como consecuencia a perda de usuarios no mercado e foron numerosas as iniciativas postas sobre a mesa para recuperar aquel centro neurálxico que foi. Outras situacións complexas conseguíronse resolver. Filgueira lembra a etapa en que se tomaron medidas de presión para atallar a presenza de grupos marxinais e "foi duro porque eran amigos, coñecidos, ou familiares dos que estabamos alí".
PEQUENO COMERCIO
Tamén aplauden desde o sector a aposta polo pequeno comercio. Pequeno comercio non é sinónimo de obsoleto, basta mirar escaparates como o de Lagasca Vintage. Un novo concepto comercial para o que se buscou de forma deliberada a localización do centro histórico. Inicialmente en 2012 na rúa Sarmiento e desde marzo en Manuel Quiroga. Unha rúa que se chamaba precisamente Rúa do Comercio e que nos últimos tempos repuntou grazas a este sector.
Mercedes Escauriaza, a súa propietaria fala sobre a elección da zona monumental: "foi primeiro polo propio tipo da tenda. Logo porque o centro histórico paréceme un dos máis bonitos de Galicia e aínda que se pode facer máis, mellorouse moito. Cando entra xente de fóra din que lles sorprendeu, que lles era descoñecido, pero cada vez vaise coñecendo máis". Engade que é máis difícil manter un negocio nesta zona porque non hai as masas de xente do centro; pero esta circunstancia "tamén favorece que haxa un maior espírito de colaboración entre os negocios xa que somos persoas que apostamos polo mesmo".
Ese facer máis para favorecer a presenza de actividade comercial no centro histórico diríxea tanto ao ámbito privado como ao público. "Falta un pouco de valentía entre o empresariado para abrir máis comercios na zona monumental, porque hostalería hai moita e tamén renovar os establecementos máis tradicionais. Doutra parte, teríanse que facilitar licenzas exprés como noutras zonas de Pontevedra porque hai moitas trabas que terían que liquidar as administracións implicadas".